O mes pasado José Mª contoume o traballo que realiza en Alcohólicos anónimos, creado por dous americanos no 1935. Un deles, coñecido como Bill W, era corredor de bolsa; e o outro, o Dr. Bob, cirurxián. Ambos padecían graves trastornos polo abuso de bebidas alcohólicas e ao principio non lles facía caso ninguén.
Non todas as persoas que beben son alcohólicas, de xeito que un que bebe máis pode non selo e outro que bebe menos selo.
O problema xorde cando hai dependencia. Cando haina o nivel de alcohol que necesitas é a cantidade máxima que bebiches e o corpo non se conforma con menos nin goza ata que chega a esta. Pero cada vez necesita máis e a única solución pasa por cortar polo san e pedir axuda.
José Mª leva sete anos sen beber e antes deixouno un tempo, pero volveu a recaer. Seus amigos non sabían que tiña este problema e ao final decidiu acudir a Alcohólicos anónimos. E, como din, foi a mellor decisión da súa vida.
José Mª traballaba nun centro penitenciario e despois de xubilarse levou Alcohólicos anónimos a varios deses centros e a algunha cidade. As veces só van unha ou varias persoas ás charlas, pois a maioría dos alcohólicos non recoñecen que teñen este problema. Como unha compañeira que traballaba no seu centro penitenciario que bebía e non o recoñecía, aínda que o sabía todo o mundo.
Os interesados reúnense en centros municipais, igrexas ou asociacións; e que haxa distintos lugares nas cidades é conveniente porque algúns prefiren non facelo no barrio onde viven para non ser sinalados.
Nunca digas a un alcohólico Bebe menos. Iso non funciona -din José Mª-, a única saída é deixar de beber.
Os voluntarios de Alcohólicos anónimos son persoas que pasaron por iso. Non dan consellos nin leccións e cada quen conta a súa experiencia, comprendendo ao outro. O voluntario axuda a crear estes espazos, sendo el o primeiro beneficiado porque se está a preocupar polos demais.
Un home que facía tempo que non bebía e foi a unha voda, non bebeu no aperitivo, nin no primeiro prato nin nos seguintes. Tampouco na sobremesa. Pero ao final o camareiro ofreceulle un licor. Mellor non probalo -pensou- porque se o fago pedirei outro e despois outro, e a chegar a casa seguirei bebendo sen parar como antes ata acabar bebido. Pero aceptou e iso é o que acabou pasando.
O pai e os fillos dunha familia coñecida por José Mª acabaron botando fóra da casa á nai porque sempre estaba bebida e acabou durmindo unha chea de veces na rúa.
Co alcohol hai que ter moito coidado: É moi perigoso. O tema, como din Jose Mª, non é “Se bebes, non conduzas”. Como demostra a experiencia, máis ben é: “Se bebes, acabarás arruinando toda a túa vida”.
Os internos de terceiro grao saen do centro penitenciario sabendo que á volta van facerlles soprar pero as veces son incapaces de non beber. Cando teñen o alcohol a man, dálles igual o que poida vir despois. O mundo queda reducido a esas botellas.
