O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor este venres o compromiso da institución provincial coa defensa e promoción da lingua galega coincidindo coa celebración das Letras Galegas, dedicadas este ano á escritora viguesa Begoña Caamaño. O mandatario provincial reivindicou a necesidade de impulsar “políticas estables, apoio institucional e recursos continuados” para fortalecer o uso social do galego e garantir o seu prestixio de maneira transversal en toda a acción da Deputación.
Luis López lembrou que a institución celebrou este xoves na sede de Vigo o acto central das Letras Galegas en colaboración coa Editorial Galaxia, ademais doutras iniciativas para achegar a literatura galega á cidadanía, como os contacontos dedicados á figura de Begoña Caamaño que se desenvolverán no Museo de Pontevedra e en 35 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes.
O presidente provincial incidiu en que “a defensa do galego non pode limitarse a unha data concreta”, senón que debe sosterse ao longo de todo o ano mediante accións concretas. Neste sentido, destacou a liña de axudas da Deputación destinada á edición de publicacións en galego e a proxectos de investigación relacionados coa cultura e a historia da provincia, dotada este ano con 100.000 euros. Segundo lembrou, entre 2023 e 2025 promovéronse máis de 70 publicacións impulsadas por asociacións sen ánimo de lucro.
A Deputación mantén tamén o seu apoio directo aos concellos e ás entidades culturais para incrementar o uso e o prestixio da lingua galega. Este ano, nove municipios benefícianse de 200.000 euros para a creación e mantemento dos seus Servizos de Normalización Lingüística, aos que se suman outros 150.000 euros para actividades de dinamización lingüística. Ademais, as entidades culturais da provincia dispoñen doutra liña de 150.000 euros para desenvolver iniciativas co mesmo obxectivo.
No ámbito literario, Luis López destacou o Premio Castelao de Textos Teatrais, dotado con 12.000 euros, así como outros certames vinculados ao xornalismo en galego e á creación xuvenil. Tamén puxo en valor o labor da Editorial da Deputación, creada en 1986 e cun catálogo que supera xa os 600 títulos, reforzado durante o actual mandato con oito novas publicacións.
A defensa do galego está tamén presente no conxunto da programación cultural da institución provincial, sendo lingua vehicular en programas como +Música, +Escénicas ou nas liñas de apoio aos festivais audiovisuais e musicais. Ademais, a Deputación impulsa iniciativas como o concurso infantil Canta Rosalía! ou a exposición Rosalía ilustrada.
“Desde a Deputación de Pontevedra seguiremos traballando para fortalecer o prestixio social do galego e apoiar a creación cultural no noso idioma, porque defender a lingua é tamén defender a nosa identidade, a nosa cultura e o noso futuro”, concluíu Luis López.
