Cando durante a visita de León XIV a España acendías a tele e vías miles de persoas que levaban horas esperándoo na rúa para poder velo pasar un momento no papamóbil, quedabas abraiado. Non era o comezo do Mundial nin a actuación dun gran ídolo musical, senón o interese por ver a alguén que actúa e fala con autenticidade con independencia de a quen ten diante.
A primeira pista intuíndo que podía pasar isto tívena cando, unhas semanas antes da viaxe, miñas irmás dixéronme que non poderían estar no Estadi Olímpic de Barcelona porque aos vinte minutos de abrirse o prazo xa estaban esgotadas as entradas. E iso que só podían pedirse para grupos dun máximo de cinco persoas; aínda que ao final conseguiron ir porque en dous grupos de amigos houbo unha baixa.
As primeiras imaxes que puiden ver da viaxe foron as do encontro cos novos na Plaza de Lima de Madrid, onde no momento de iniciarse a Adoración eucarística pasouse do bulicio xeral, amenizado con bailes e o berro de “Esta es la juventud del papa”, a un silencio que se podía cortar.
No Estadi Olímpic quedei impresionado despois de que unha moza contara ao papa, diante de 40.000 persoas, que tivo graves problemas de saúde mental e tentou suicidarse; e outra lle preguntara como podía perdoar ao seu pai despois de que tentara asasinar a súa nai (a cal acabou caendo na droga) e ela acollida polos servizos sociais e nunha familia adoptiva. O papa, conmovido, díxolle á primeira que hai momentos de sufrimento nos que a nosa sociedade nos fai calar, pero Deus non nos abandona; e á segunda que o perdón é un signo de Deus e unha poderosa medicina contra o mal.
Máis adiante León XIV estivo con presos e doentes e, xa en Canarias, con máis de mil inmigrantes no peirao de Arguineguín; dicindo que Europa non pode proclamar a dignidade humana e acostumarse a que o Mediterráneo e o Atlántico sexan cemiterios sen lápidas.
No Congreso o Papa León foi aplaudido durante máis de sete minutos logo de apelar a dous principios. O primeiro, que unha sociedade xusta se edifica sobre o recoñecemento da dignidade inviolable da persoa humana, a cal precede a toda concesión do Estado. Onde unha persoa é discriminada polo seu orixe nacional, étnico, relixioso ou lingüístico, ou pola súa condición económica, vulnérase o principio universal da igual dignidade de todos os seres humanos.
E o segundo, que a convivencia pode verse ameazada pola cultura do descarte. Se a vida deixa de ser recoñecida como un valor fundamental: Que futuro pode ter a sociedade?, Pode chamarse xusta a comunidade que deixa na sombra ao neno aínda non nado, ao ancián ou a quen depende do coidado dos demais? Toda vida humana debe ser recoñecida e custodiada dende a súa concepción ata o seu ocaso natural, en cada circunstancia.
Ámbolos dous principios recordáronme o que a arquitectura din sobre a clave de bóveda, que é a peza máis importante dun arco ou bóveda porque sen ela, ao transmitir o peso lateralmente, todo se viría abaixo.
Se defendemos só un destes dous principios ignorando o outro, a dignidade humana na práctica desaparece, quedando moitos na metade do camiño. A grandeza moral dun país maniféstase na súa capacidade de acompañar, protexer e amar aquelas vidas que atravesan maior fraxilidade.
