Carriño desfrutón

Ilustración DL-G.
Un carriño da compra pode levar moito máis ca produtos: tamén ilusións, metas e experiencias que nos axudan a afrontar a vida con confianza, enerxía e optimismo.

Hai uns meses en Carrefour atopeime cunha promoción que dicía que cunha compra superior a unha determinada contía podías participar nun sorteo para obter un Carriño desfrutón.

Ao preguntar de que se trataba, dixéronme que de ser un dos agraciados podías levar de balde o que quixeras por un total de 50 euros. Ogallá teña sorte! -pensei-, pois a lo menos podería levarme unha bolsa de bolígrafos pigmentados, un caderno, tres pezas de roupa e dous riquísimos doces. Aínda que ao final quedei sen o agasallo desexado.

Ao contarlle o sucedido a Michael, o meu profesor de inglés, díxome que a idea do Carriño desfrutón lle parecía moi interesante, pois para ser felices necesitamos ter metas, soños e ilusións -grandes ou pequenas- e pelexar por facelas realidade.

As persoas que teñen esta actitude, segundo Michael, aínda que non consigan todo o que se propoñen, levántase dun xeito distinto que as que non vibran con nada. Xa se trate de planear unha viaxe familiar, acadar un obxectivo no traballo, mellorar na práctica dun deporte, ir a un musical ou botar unha man a quen o necesita.

Para Michael as persoas son como os gatos que tiña na súa casa hai uns anos. Un miedoso que estaba sempre debaixo da cama, temeroso e sufrindo por todo; e outro que pasaba todo o día xogando e á menor oportunidade escapaba á rúa pola ventá sen medo algún, volvendo horas despois.

A Xosé o Carriño desfrutón recórdalle o dito de que temos que encher a nosa mochila de cousas positivas, esquecendo as negativas, para afrontar a realidade con confianza e optimismo, sen deixarnos levar por medos produto da nosa imaxinación. Algo parecido pásalle a Juanrra, estudante de medicina, a quen cando lle preguntas se está nervioso por un exame di que non porque non sirve de nada.

Outra partidaria, sen sabelo, do Carriño desfrutón é a miña amiga Laura, que ten un sorriso permanente na súa faciana, aínda que teña que redactar un informe nunha hora -que á maioría nos levaría tres horas- ou perdésese nun bosque en medio dunha tormenta. Se Laura non ten arredor de cen amigos non ten ningún porque, como lle gusta dicir, gústalle ter relacións de calidade e ela é quen de tecelas.

A vindeira vez que vaia a Carrefour, preguntarei cando será a seguinte promoción do Carriño desfrutón. Que me toque o sorteo ou non é o de menos. Ter contacto con el méteche enerxía positiva dentro.

Nunha viaxe familiar a Roma, unha das cousas que máis recordo é o xantar nun restaurante no que un grupo interpretou a famosa canción de Volare -gañadora do Festival de San Remo- e todo o mundo uniuse ao son da guitarra, entusiasmado. E a partir dese día, cando celebramos algo importante, sempre hai alguén que se lembra do Volare, cantare... feliz de estar aquí abaixo no azul dos teus ollos azuis, contigo...

Ter o Carriño desfrutón no horizonte segundo as súas múltiples formas, metendo materiais valiosos no noso interior de continuo, é moito máis práctico -e san- que empaparse ou quedarse cos que non aportan nada.