Ao recoller ás miñas irmás no aeroporto de Labacolla o 3 de agosto pasado, o primeiro que lles dixen, emocionado, foi que “Esta viaxe xa a fixen varias veces”; pois tiña bastante pensado o plan dos días que pasaríamos xuntos. Pero debido as altas temperaturas, decidimos suprimir o que tiñamos previsto facer nas primeiras horas das tardes para non morrer derretidos.
Despois de deixar as malletas de Nuri e Montse no Hotel Costa Vella, comemos nun restaurante da Rúa Nova tan tarde que rematamos ás sete. E como as racións foron tan xenerosas, non nos viamos capaces de ir a cear no María Castaña, que tiñamos reservado para as nove.
Logo de sentarnos nun banco da Alameda baixo a sombra e fotografarnos coas Dúas Marías, renunciando -pola calor- a subir no tren que sae do Obradoiro, marchamos cara o María Castaña; onde nos dixeron que entendían que non tiñamos ganas de cear e non nos preocuparamos. E cando un minuto despois Nuri e Montse viron que no Bico do xeado vendían xeados de máis de vinte sabores diferentes -aínda que eu tiña previsto degustalos o último día- acabamos ceando un xeado de chocolate e laranxa.
O luns, despois de gañar o xubileo, Nuri e Montse achegáronse a San Caetano porque querían coñecer onde traballo. Cando meu xefe díxolles que eu era unha boa persoa, elas dixéronlle rindo “Nós tamén”, repetindo o mesmo cando engadiu que eu era moi traballador; e eu non sabía onde meterme... Pola tarde fomos a Sigüeiro para estar coa nosa amiga Ledicia dúas horas despois do previsto inicialmente para que puidesen descansar no hotel e nada máis chegar, ao ver outro local do Bico de xeado, volvemos a tomar outro xeado -esta vez de herbaboa-.
O martes fomos a Monterroso a ver as duascentas ovellas de Ovidio, o meu amigo pastor. Ver como os cans guían o rabaño foi espectacular. Para que puidesen descansar no Costa Vella, descartamos a andaina prevista por un paseo fluvial e acabamos ceando no Fogar de Santiso, con queimada incluída.
O día seguinte achegámonos a Cambados, preferindo Nuri e Montse ir ao mercadillo que ao Paseo marítimo; e logo á Illa de Arousa, onde comemos nun chiringuito á beira do mar. Á volta, despois de descansar no hotel, fomos a ver a José e a súa nai Carmen, que ten 101 anos. Como son como da propia familia, foi o momento máis esperado da viaxe.
O xoves collemos un barco en Mugardos para ir a Ferrol. Un dos mariñeiros contounos que levaba 60 anos traballando nel e levantaba cada día ás cinco para facer a primeira travesía ás seis; prometendo levar de balde as miñas irmás se volvían. Á volta, despois de descartar ir as Fragas do Eume para poder descansar no Costa Vella, acabamos outra vez -como non- na xeadería do Bico de xeado de Pontedeume; e pola noite fomos a escoitar a tuna no Obradoiro. Ao rematar, miñas irmás conversaron largamente cun músico da rúa que coñecía a Josep Carreras.
O último día, despois de andar polo río Sar, comemos na Galiciana; onde nos deixaron un arroz negro con chipiróns ao carón da mesa para que nos o serviramos despois dos entrantes. E cando Nuri se puxo a servilo, como levaba un xersei negro como os camareiros, a parella da mesa do lado díxolle que xa podía retirar os pratos e ela recolleunos sen problema. Ao decatarse logo que non era a camareira, pedíronlle perdón; ríndonos todos.
