miércoles. 10.06.2026

Xornalistas e novelas

Teño un amigo do gremio que di que todo xornalista soña con escribir unha novela. De feito, el xa publicou dúas, se non me engano. Pero eu non estou tan certo diso. Polo menos, eu nunca soñei con facelo.
Departamento de Infografía DL-G.
Departamento de Infografía DL-G.

Leo na prensa que a xornalista da TVG Irene Lourido vén de publicar a súa primeira novela, sumándose á longa lista dos profesionais da comunicación de todo o mundo que deron o salto ao xénero narrativo por excelencia. En efecto, son moitos son xornalistas que teñen publicado novelas. De feito, os novelistas españois que máis libros venden son ou foron xornalistas: Arturo Pérez Reverte, Julia Navarro, Rosa Montero…

Teño un amigo do gremio que di que todo xornalista soña con escribir unha novela. De feito, el xa publicou dúas, se non me engano. Pero eu non estou tan certo diso. Polo menos, eu nunca soñei con facelo. Por suposto que entre a novela e o xornalismo hai moitos elementos en común. O primeiro e máis importante é que os dous contan historias, aínda que cunha diferenza non menor: a novela, de ficción; o xornalismo, reais. Sospeito que unha das razóns –se cadra a principal– pola que un xornalista desexa escribir unha novela é pola frustración que lle causa que as historias que escribe acotío estean condenadas á fugacidade do xornal. Xa se sabe que o periódico de hoxe serve para envolver o bocadillo de mañá ou para protexer das pisadas un chan recén fregado. Esta fugacidade semella ser menor, ou mesmo non existir, no caso dunha novela. Un escribe un libro para que permaneza: nas librarías, nas bibliotecas e, sobre todo, nos cerebros e nos corazóns da persoas.

Xaora que eu, como xornalista, tamén teño experimentado esa mesma frustración e que tamén pensei en escribir un libro para conxurala. Pero non precisamente unha novela. Publiquei varios libros e cando conto historias –porque algúns son ensaios ou estudos–, non son historias de ficción, senón reais: historias de vida, semblanzas. Sempre me pareceron moito máis interesantes e atractivas as historias baseadas en feitos reais que as puramente inventadas. E non é que me falte imaxinación. Ao revés: algún pensará que me sobra. Pero cando máis gozo é cando leo ou escribo unha historia dun personaxe verdadeiro, sobre todo se é edificante. Como lles dixen unha vez a uns amigos dun club de lectura co gallo dunha novela que acababamos de ler, cuxo protagonista era particularmente amoral: “Eu xa non estou para estas cousas. A min dádeme a ler vidas de santos”. Pensaban que bromeaba, pero eu dicíao moi en serio.

Polo demais, admito que existen outras dúas razóns polas que non soño con escribir unha novela, por moi xornalista que sexa. A primeira, porque me sinto incapaz. Paréceme dificilísimo. E a segunda, porque nunca fun un gran lector de novelas. Lin moi poucas e case ningunha contemporánea, polo que son totalmente alleo ao fenómenos dos best-sellers, que son as novelas que adoitan ler a inmensa maioría da xente.

En fin, que os xornalistas seguirán escribindo novelas, pero eu non as lerei. Supoño.

Xornalistas e novelas
Comentarios