Tamariz
Como saben moi ben, o pasado 18 de agosto morreu Juan Tamariz, aos 83 anos. Foi un dos mellores magos do mundo na cartomaxia e a maxia de cerca. En 1973, gañou xa o 1º Premio Mundial de Cartomaxia no Congreso Mundial de Maxia, celebrado en París. Tamén foi un dos mellores e máis fecundos teóricos desta arte, alomenos en castelán, idioma en que escribiu numerosos libros que sempre compartiu cos seus colegas, pois, ademais de ter talento, foi un mago xeneroso.
Os españois coñecémolo pola televisión –aínda non como mago– en 1976, no “Un, dos, tres”, onde interpretaba a don Estrecho, un dos Tacañones. No histórico concurso inventado por Chicho Ibáñez Serrador volveu aparecer despois como mago. Eu, a verdade, non o recordo como Tacañón, pois cando comecei a ver o programa (na casa aos nenos só nos deixaban ver na televisión a programación infantil), el xa non exercía como tal.
Si que o lembro –e ese foi o meu verdadeiro achado de Tamariz– nos seus propios programas de maxia en TVE –“Por arte de magia” e “Magia potagia”–, que conduciu a principios dos anos 80, cando eu era xa un adolescente. Ademais dun mago extraordinario, descubrín un excelente humorista, pois debeu de ser dos primeiros magos que introduciron o humor nos seus espectáculos. Os seus chistes e comentarios graciosos, unidos á súa famosa onomatopea “chantatachán!” –coa que acompañaba os momentos clave de misterio e revelación nos seus xogos– e ao seu non menos famoso violín imaxinario –que tocaba para celebrar o remate feliz destes– facíanme gozar arreo. Falando dos seus chistes, atopo en internet un dos que máis repetía: “–Cómo te chamas? –Ana. –Igual que a miña filla Mónica”, que a min me facía especial graza, pois sempre me gustou ese tipo de humor absurdo. Por certo que, tamén en internet, encontro estoutra frase del que vén ao caso: “Eu non fago humor, é que saio contento a facer maxia”.
A finais dos anos 90 tiven o privilexio de poder velo actuar en directo en Santiago de Compostela, no “Dado Dadá”, o pub de Carlos Asorey –que tanta afección tiña á maxia– e Ramón Balado, quen exerceu a crítica musical en “El Correo Gallego” durante moitos anos. Desa actuación conservo, coma ouro en pano, unha carta de Tamariz. É un
dos meus tesouros: sen dúbida, o máis prezado do meu particular arquivo relacionado coa maxia. Porque eu tamén tiven sempre unha grande afección a esta arte, des que de neno os Reis Magos nos regalaron na casa una caixa de “Maxia Borrás”. Logo, sendo adolescente, comprei un libro en que se explicaban xogos máis complexos. Recordo perfectamente a dedicatoria que traía: “A ti, que queres facer marabillas”. E abofé que quería.
Tamariz naceu en Madrid, de pais andaluces. O seu pai era de Écija (Sevilla) e a súa nai, de Algeciras (Cádiz). O seu apelido é toponímico e consideráse que procede da vila de Tamariz de Campos, na provincia de Valladolid. Pero tamén podería ter unha orixe galega: o lugar de Tamariz, situado na provincia da Coruña, concretamente na parroquia de Santiago de Bascoi, no concello de Mesía. Non esquezamos que os topónimos (e os antropónimos) galegos rematados en –riz son de orixe xermánica (Tamariz, Allariz, Guitiriz, Mondariz…). Por certo que en Galicia temos outro mago con este tipo de nome: Antonio Romarís (procedente, sen dúbida, de Romariz). Coñecino en Santiago na segunda metade dos anos 90 como “home estatua” na Praza do Obradoiro e logo como mago, e mesmo tiven o pracer de compartir con el –ambos os dous como alumnos– un taller de clown impartido polo mestre holandés Eric de Bont na escola “Espazo Aberto”, que dirixía –e aínda dirixe– Carlos Neira.
Non podo rematar estar artigo sen salientar o bo panorama da maxia en Galicia na actualidade, ou alomenos ata hai ben pouco. En 2006 fundouse a Asociación de Magos Profesionais de Galicia e por aqueles anos había un circuíto estable de maxia en toda a comunidade que non sei se continúa. Además, en Vigo existe desde 2023 a Escola de Maxia na Manga, a primeira escola de ilusionismo de Galicia, e en Santiago o mago Kiko Pastur abriu en 2020, en pleno barrio histórico, o Museo da Maxia de Galicia, de visita obrigada para os amantes desta arte.
Foise Tamariz, pero a maxia continúa.