Tomo un café, como todos os días, nun bar (neste caso, de Lugo), e oio como o camareiro despide un cliente, con quen estivo a falar un anaco, cun “Pouco a pouco”, ao que o paisano lle responde “É o que hai” mentres marcha.
Ese diálogo (“–Pouco a pouco. –É o que hai”) paréceme, así, de súpeto, definitorio da idiosincrasia galega. Alguén dirá que denota conformismo ou resignación, e que esas características, se se corresponden cos galegos, non son certamente positivas, senón todo o contrario. Pero eu non creo que denote conformismo ningún, senón sabedoría, madureza. Vaiamos por partes.
Antes que nada, semella claro –aínda que non cheguei a escoitar a conversa– que o cliente acababa de lle contar ao camareiro algunha dificultade pola que estaba a atravesar, se cadra un problema de saúde. O barman despídeo cunhas palabras que semellan tentar transmitirlle folgos e, sobre todo, acougo: “Pouco a pouco”. É interesante reparar en que esta expresión ten moitos sinónimos en galego –“aos poucos”, “amodo,” “devagar”, “engorde”, “paseniño”– que non existen nin en castelán nin en portugués (neste último, só “devagar”). Iso é sinal de que esa actitude –facer ou esperar as cousas sen présa– é característica do galego. Xa se sabe que cando algo –material ou espiritual, coma neste caso– ten moitas palabras coas que ser nomeado é porque está intimamente vencellado á idiosincrasia dese pobo. Pensemos, por exemplo, noutra orde de cousas, nas cen maneiras diferentes que existen en Galicia para dar nome á choiva.
Por suposto, este “pouco a pouco” non ten nada que ver coa resignación, senón coa madureza dun pobo que sabe que as présas non son boas, que non levan a nada, que agoniarse é mao, que desacougarse enferma. Algúns identificarano coa cachaza ou pachorra que ás veces se atribúe tamén ao galego, normalmente de maneira pexorativa. Pois si, por que non?; só que non ten nada de mao, senón todo o contrario. Estamos a falar, ao cabo, de serenidade.
E esa mesma serenidade adivíñase no “É o que hai” da resposta do paisano. Non é conformismo, é aceptación serena do inevitable. “Aceptar”, como di o dicionario da RAG, é “sufrir os efectos de [algo] serenamente, sen sucumbir”. Poida que nesta aceptación haxa algo de “non tentar cambiar as cousas” propio do conformismo ou de “non protestar nin reaccionar en contra” propio da resignación (segundo sempre o DRAG), pero a chave está nese “sen sucumbir”. “É o que hai” non é conformismo ou resignación nin moito menos pesimismo, outro trazo atribuído a miúdo ao galego. Ao revés, ten un chisco de optimismo, como acontece tamén con esoutras expresión galegas tan enxebres e famosas: “Malo será” e “se chove, que chova”. Nelas tampouco hai un reaccionar para tentar mudar as cousas, pero si unha certa confianza optimista en que ao final pasará o que teña que pasar e, xa que logo, non será tan mao.
En fin, que “é o que hai” e o mellor que podemos facer é ir “pouco a pouco”.
