lunes. 03.11.2025

Pedir perdón

Leo no último número da revista XL Semanal a carta dun lector en que lamenta que perdésemos o costume de pedir perdón e salienta o eficaz que resulta para relaxar os ánimos e suavizar tensións, ilustrándoo cunha anécdota persoal que viviu tras golpear sen querer un coche estacionado cando tentaba saír co seu: “Al final, el señor se tranquilizó, lo entendió y me fui tan pancho. Con esto uno se da cuenta de lo fácil que es disculparse y qué extraño le resulta a la gente escucharlo: una disculpa sincera o una excusa honesta”.

Nos Evanxeos, Pedro pregunta a Xesús cantas veces ten que perdoar. Sete? Nas Sagradas Escrituras este número encerra unha gran simboloxía e quere dicir “moitas veces”. Pero o Mestre respóndelle: “Non che digo ata sete veces, senón ata setenta veces sete”, é dicir, sempre.

Mais para perdoarmos cómpre que nos pidan perdón (ou para nos pedoaren cómpre que pidamos perdón, tanto ten), aínda que só sexa para que o perdoado saiba que o está. Xaora que o perdón fai ben a quen o dá, pero tamén a quen o recibe, pero só se este último é consciente diso. Aquí é onde conecto co que dicía o lector de XL Semanal na súa carta. Que difícil é pedir perdón. Máis mesmo que perdoar. Por iso, como afirma o autor da misiva, á xente lle resulta hoxe tan estraño escoitalo.

Nos nosos días, ninguén adoita pedir perdón porque ninguén é quen de se recoñecer ofensor. A inmensa maioría das persoas que ofenden a outra, aínda que sexa sen querer, négano sistematicamente, de xeito que aldraxan dobremente a súa vítima ao pretendereren deixala a ela como mentireira. Os mentireiros son eles, que rexeitan que cometesen ningunha ofensa, pero aínda por riba chaman mentireiro o aldraxado, o que me resulta especialmente perverso.

No mellor dos casos, cando a súa ofensa é evidente de máis, din aquilo tan horroroso de “se alguén se sentiu ofendido, pido desculpas”. Obsérvese que non só non recoñecen que ofendesen realmente a ninguén, senón que nin sequera recoñecen que talvez o fixeron. Din “se alguén se sentiu ofendido”, que é moi diferente e a min me soa case coma unha acusación, no canto dunha desculpa: se alguén é tan mexeriqueiro, tan melidroso, tan escrupuloso que se sentiu ofendido.

En fin, que sería fantástico que pedísemos perdón e perdoásemos máis a miúdo, pero principiando por o facer con nós mesmos. Malia que aparentemente somos moi condescendentes con nós, no noso foro interno hai moitas cousas que non nos perdoamos. Pidámonos perdón e perdoémonos.

Pedir perdón
Comentarios