lunes. 03.11.2025

Pasatempos

Na miña infancia, nos anos setenta do século pasado, o verán era sinónimo de crucigramas na piscina. Vendíanse coma rosquillas, nos quioscos de prensa que proliferaban, aqueles vellos cadernos de pasatempos nos que o crucigrama era o rei, mais nos que había sitio tamén para o xeroglífico, a sopa de letras e o xogo das sete diferenzas, entre outros.

Na miña infancia, nos anos setenta do século pasado, o verán era sinónimo de crucigramas na piscina. Vendíanse coma rosquillas, nos quioscos de prensa que proliferaban, aqueles vellos cadernos de pasatempos nos que o crucigrama era o rei, mais nos que había sitio tamén para o xeroglífico, a sopa de letras e o xogo das sete diferenzas, entre outros.

Hoxe eses cadernos desapareceron (se cadra, non de todo), como desapareceron tamén os quioscos (algún resiste, mais moi mudado), polo cambio dos gustos e mais dos hábitos dos consumidores, é dicir, de todos nós. Mais vexo que algúns diarios en papel continúan a traer este verán un suplemento semanal de pasatempos. Así que o conto non morreu de todo.

Na miña infancia, como digo, o rei dos pasatempos era o crucigrama (en realidade, segue a selo). Ou, máis ben, Pedro Ocón de Oro, que era quen inventaba a maioría deles. Durante os seus corenta anos de dedicación ao oficio (porque, si, señores, isto tamén pode ser un oficio) creou máis de seiscentos mil en lingua española, que se publicaron en libros, cadernos e numerosos diarios de España e Latinoamérica. En Galicia, o rei dos crucigramas (en galego, por suposto) foi o poeta, narrador e ensaísta Darío Xohán Cabana, quen, durante trinta e catro anos, ata a súa morte, publicou acotío un en La Voz de Galicia.

A min encántanme os xogos de palabras (os palíndromos, os anagramas, as paranomasias, os monovocalismos…), pero, curiosamente, nunca fun moi afeccionado aos crucigramas nin aos outros pasatempos que adoitaban vir neses cadernos, coa excepción dos xeroglíficos e, en menor medida, as sopas de letras e os xogos das sete diferenzas. Na miña casa, eran as miñas irmás as que mercaban os cadernos e os levaban á piscina. Aínda así, lembro que un verán, cando tiña uns quince anos, si me deu por facer crucigramas, e confeso que gocei bastante.

En calquera caso, miro con nostalxia estes suplementos de pasatempos que aínda publican hoxe os diarios e aproveito agora para facer unha defensa acesa dos xogos de palabras, non tanto os crucigramas ou as sopas de letras como eses outros que teñen que ver coa escrita constritiva (e creativa) e que a min me chistan máis, coma os palíndromos ou os anagramas. Por desgraza, os artificios ludolingüísticos teñen má prensa entre os escritores (e os lectores) e son desprezados adoito na literatura. Porén, para min representan excelentes mostras de enxeño e creatividade.

Pasatempos
Comentarios