Quería escribir algo sobre as propostas ou xa primeiras medidas de Donald Trump, moi especialmente das que teñen que ver coa inmigración, mais deixareino para outra ocasión porque hoxe me presta falar doutro aspecto do novo presidente dos EEUU, neste caso estético –ou antiestético, máis ben–, que me chama moito a atención: o permanente ricto da súa boca, en forma invertida. Aparece con el en case que todas as fotos.
O que a práctica totalidade dos políticos ofrecen á cámara é sempre un sorriso falso, finxido, forzado. Trump supón unha excepción: non só non sorrí, senón que, polo contrario, gusta de presentar permanentemente este ricto de labios invertidos que vai moito máis alá dun simple engurrar a boca nun xesto de desaprobación ou descontento.
Este aceno das comisuras bucais deprimidas cara abaixo sempre me resultou moi desagradable de ver e sen dúbida –cando non é impostado– é froito dunha grande tristeza, dunha decaída ou dunha preocupación constante. Recórdoo ben no rostro da miña nai cando o meu irmán máis novo estivo ingresado un mes na UVI por mor dunha grave infección da que non daba saído e xuro que non me gustaría volver velo nunca máis na súa faciana nin na de ningún dos meus seres queridos.
Cando é temporal debido á tristeza, senón permanente pola fisionomía da persoa, pode mesmo chegar a supor un problema grave. Primeiro, polo seu efecto antiestético, suceptible de xerar unha situación seria de falta de autoestima no paciente. E segundo, porque adoita orixinar perda de saliva, o que, ademais de ser incómodo, pode provocar infeccións repetitivas e dolorosas nesta parte da boca. Tanto é así que se corrixe con cirurxía, coa chamada comisuroplastia labial.
Porén, Trump insiste en amosarnos o seu ricto, en contra do que cabería esperar que lle aconsellasen os seus asesores de imaxe –aínda que non creo que lles faga moito caso en nada, agás no seu famoso floco (hai moitos anos que os estudos de márketing político din que aos electores non lles gustan nada os candidatos calvos)– e co sorprendente beneplácito dos votantes.
Pero por que teima Trump es presentar este ricto, este xesto forzado que, como dicía máis arriba, vai alén de enrugar a boca nunha mostra de desaprobación? Teño para min que o fai porque lle dá un aire de arrogancia, petulancia e xactancia, e, asemade, de desaire, desdén e desprezo, aires ambos os dous que sen dúbida quere transmitir á cidadanía. Arrogancia ante que ou quen? Desdén por que ou quen? Arrogancia ante todo e todos e desdén por todo e todos aos que quere facer fronte, particularmente ante e por esa progresía que o detesta e que se simboliza polo sorriso forzado, coma o de Barack Obama ou Pedro Sánchez. Por iso non veremos nunca a Trump con ese sorriso pretendidamente engaiolante, senón sempre con este ricto tan desagradable.
Outro día falarei do seu “bailecito”, que tamén ten o seu.