lunes. 03.11.2025

O conclave

Non me gusta falar nesta sección de cuestións demasiado apegadas á actualidade noticiosa, mais vou falar do inminente conclave que escollerá ao vindeiro papa, aínda que só sexa porque arestora non teño unha idea mellor para desenvolver.

Non me gusta falar nesta sección de cuestións demasiado apegadas á actualidade noticiosa, mais vou falar do inminente conclave que escollerá ao vindeiro papa, aínda que só sexa porque arestora non teño unha idea mellor para desenvolver.

Xa sabemos a data do inicio do conclave: o 7 de maio. (Por certo que “conclave” é unha desas palabras galegas que teñen unha actuación diferente ás súas homónimas castelás: alvéolo, anódino, atmosfera, auréola, diocese, endócrino, isóbara, petroglifo…). Pero deixemos a clase de lingua. Aventurando de máis, e a risco de non acertar en absoluto, coido que o conclave vai ser curto. Moi polarizado, pero curto. Poder semellar unha contradición, pero penso que non a é, porque non creo que os dous polos que adiviño vaian ter un peso similar. Cómpre lembrar que o oitenta por cento dos cardeais electores e elexibles foron escollidos por Francisco. É lóxico pensar que a maioría deles comparten máis ou menos as súas reformas e, xa que logo, un polo –neste caso, o reformista ou progresista– gañe o pulso relativamente logo. Pero si, penso que a Igrexa está hoxe moi dividida, máis ca nunca nos últimos tempos. Tanto a base como a xerarquía, pero agora falo só desta última. En realidade, non máis ca política e ca a sociedade.

É obvio que un sector da Igrexa –e agora falo tanto dos dirixentes como do pobo– ten présa por acometera unha serie de reformas que poderiamos cualificar de “progresistas”, mentres que outro –o conservador ou tradicionalista, e perdoen estas etiquetas, pero poden axudar a entendérmonos– recea profundamente delas. Moitos destes últimos pensarán que Francisco era un progresista, pero eu creo que máis ben estaban en medio desas dúas Igrexas: sen dúbida, foi reformista, pero se identificamos a Igrexa progresista cos postulados como os defendidos por algunhas conferencias episcopás centroeuropeas, nomeadamente a alemá, non chegaba a tanto. Seica estaba en medio só porque non se animaba a correr tras esas reformas tan rápido coma eles. Quen sabe. A realidade é que a Igrexa alemá estivo ao bordo do cisma (talvez se o pontificado de Francisco durase máis, acabaría producíndose), pero tamén que os que si marcharon da Igrexa co papa arxentino foron algúns significados tradicionalistas como Viganò, que acabou excomulgado. Por certo que nas redes sociais hai moitos vídeos de supostos tradicionalistas insultando a Francisco, pero, claro, eses si que non son católicos, primeiro porque non recoñecen a autoridade do papa e, xa que logo, deixaron de estar en comuñón coa Igrexa, e segundo e máis importante, porque o odio que destilan non é cristián, senón anticristián.

Pero volvamos ao conclave. Facendo de profeta, penso que o vindeiro papa vai ser un cardeal moi próximo a Francisco. Eu diría que Mateo Zuppi, o presidente da Conferencia Episcopal Italiana, ou, no seu defecto, o tamén italiano Pietro Parolin, o secretario de Estado saínte, ou mesmo o filipino Luis Antonio Tagle. Si, definitivamente, creo que o próximo papa volverá ser italiano, despois de corenta e sete anos.

E coido tamén que este novo papa profundizará nas reformas de Francisco e mesmo as acelerará, o que aumentará a alarma no sector conservador, provocando talvez o cisma que xa case que anunciou un dos seus principais representantes, o cardeal alemán Gerhard Muller. Pero non nos engnemos: o risco de cisma polo outro bando, o progresista, non desaparecerá: se as reformas do novo papa non son tan rápidas como eles desexan, acabarán separándose de Roma.

Moitas das profecías rexistradas no catolicismo nos últimos cento cincuenta anos falan de apostasía e herexía dentro da Igrexa. Moitos tradicionalistas cren que se cumpriron con Francisco; que foi un herexe e un apóstata, pero se enganan. Bergoglio puido causar confusión doctrinal con algunhas das súas reformas, como a bendición das parellas de homosexuais, pero non chegou a herexe. Moito menos foi apóstata. Pero a apostasía si se produciu na Igrexa, e o apóstata é o pobo católico, que, na súa maioría, hai moito tempo que deixou de crer nas grandes verdades cristiás. Podería dicir moitas, pero mencionarei só unha que me inquieta especialmente: que porcentaxe de bautizados (mesmo de católicos que de cando en vez van á misa) cren na presenza real de Xesucristo na Eucaristía?

O conclave
Comentarios