lunes. 03.11.2025

Novelas

Sempre fun un mal lector de novelas; é dicir, sempre lin poucas. E iso que leo bastante, mesmo moito. Pero non novelas, e menos contemporáneas. 

Sempre fun un mal lector de novelas; é dicir, sempre lin poucas. E iso que leo bastante, mesmo moito. Pero non novelas, e menos contemporáneas. Nisto son un lector excepcional, unha excepción de lector. Neste país lese pouco, pero os lectores len fundamentalmente novelas.

Tampouco teño tido nunca a inquedanza ou o interese de escribir unha novela. Nisto tamén son unha excepción, pois a maioría dos xornalistas soñan con escribir novelas, e moitos dan o paso. De feito, os novelistas españois actuais que máis venden son case que todos xornalistas: Arturo Pérez Reverte, Rosa Montero, Julia Navarro…

A relación entre a novela e o xornalismo non é nova; vén de vello. Comezou co mesmo nacemento do xornalismo moderno, no século XIX. Moitos novelistas escribían na prensa, mesmo novelas por entregas (os famosos folletíns).

Desde aquela, tampouco son poucos os poetas que escribiron ou escriben nos xornais. Luka Brajnovic (don Luka), o meu profesor de Literatura e Deontoloxía Xornalística na Universidade, xornalista e poeta, defendía que existe un estreito vencello entre a poesía e o xornalismo, vencello que, sen dúbida, el mesmo encarnaba. Pode sorprender, e de feito sorprende, pero se o miramos ven, de seguro que tiña razón.

Hoxe en día non só son os xornalistas os que aspiran a publicar novelas. Os escaparates das librarías tense enchido de narracións escritas supostamente (porque esa é outra: quen as escribe realmente?) por “famosetes” de todo tipo, basicamente por mor da televisión ou das redes sociais. Do novelista xornalista de prensa escrita pasouse ao novelista xornalista de radio e televisión, de maneira que moitos deses novos escritores xa non eran tanto xornalistas como “presentadores”. Pero a cousa seguiu dexenerando e agora, como lamenta Pérez Reverte nun artigo que veño de ler en XL Semanal, “non hai presentador de televisión, youtuber, influencer ou famoso que, por iniciativa propia ou inducido, non probe coa tecla”.

Reverte é especialmente crítico coas editoriais, responsables últimas deste panorama. Fala da “pouca vergoña do mundo editorial” e de “estratexia editorial sen escrúpulos que envilece a literatura”, e non lle falta razón.

A novela tense enchido de badulaques encantados de se coñecer. Pero, coma sempre, a derradeira palabra tena o lector. Que semellantes mequetrefes vendan máis ou menos depende del; é dicir, de nós. Todos os anos publícanse moitísimos libros: temos onde escoller. E se todos son malos, sempre podemos volver aos clásicos. Con eles sempre acertaremos.

Novelas
Comentarios