Na España dos anos 60 do século pasado, o Nadal era aínda unha festa relixiosa, cristiá, católica, en que se celebraba o nacemento do Neno Xesús, do Neno Deus, da segunda persoa da Santísima Trindade feita home. Xaora que constituía tamén unha festa familiar. Por algo Xesús naceu nunha familia, na Sagrada Familia. Daquela non era raro que as familias se reunisen arredor dunha mesa; acontecía moitas veces ao longo do ano, mesmo todas as semanas, cando non todos os días, pero o Nadal supoñía unha data inescusable neste sentido.
Nos 70, a cousa mudou. En realidade, o cambio producírase xa nos 60 nos EEUU e nos principais países occidentais, pero a España, como case que todo entón, non chegou ata tres lustros despois. O Nadal deixou de ser unha festa relixiosa, en que se celebraba o nacemento do Neno Xesús (falo en xeral: xaora que había familias que seguían a manter o espírito cristián deses días, como aínda as hai hoxe, pero cantas?), para se converter exclusivamente nunha festa familiar. Foi nesa década cando naceu o famoso spot televisivo “Vuelve a casa por Navidad”, de turróns “El Almendro”. Que acontecera? Moi sinxelo: a sociedade matara a Deus, ou, mellor dito, vivía na ficción de que o matara, pois se o home non pode crear a Deus –por moito que os ateos digan que fomos os crentes os que o creamos–, moito menos pode matalo. O home non é nin unha formiguiña comparado co ser supremo. Como vai matar a Deus unha formiguiña cando non é quen de matar nin unha cascuda?
Hoxe en día, para a maioría dos españois –e das persoas que viven nos países outrora cristiáns–, o Nadal non é nin unha festa relixiosa nin unha festa familiar, porque, da mesma maneira que o home matou –ou finxiu matar– a Deus, hai tempo que tamén está a matar a familia por considerala algo “caduco”, “reseso” e, sobre todo, “fascista”: un invento do “hetero-patriarcado” para someter os espíritos libres. Non fai falla que lles lembre algunhas das armas coas que se está a levar a cabo este asasinato: divorcio exprés, aborto, eutanasia, matrimonio homosexual, transexualismo, ridiculización do matrimonio, atrancos á procreación, ataques á educación dos fillos en conciencia… e eses supostos dezaseis novos tipos de familia consagrados pola nova lei do sector. Familia só houbo e haberá sempre unha: a que supón unha comunidade de amor (e de compromiso, que é unha das notas esenciais do amor). Xaora que habería familias “tradicionais” (un pai e unha nai unidos en matrimonio, e uns fillos) que non eran verdadeiras comunidades de amor e que haberá “familias monoparentais”, “familias inmigrantes” ou “familias LGTBI” –por citar só tres deses supostos dezaseis novos tipos de familia– que si o sexan, pero creo que se entende o que quero dicir.
Total que, mortos Deus e a mais a familia, a xente xa non sabe que celebra no Nadal, aínda que as festas, os adobíos e as luces sexan maiores ca nunca. Por iso, algúns afánanse en procurar novos motivos, e seica o solsticio do inverno é o que ten maior predicamento. Fascinante. A todo isto súmase o sectarismo imperante, de maneira que xa non é que se esquecese que no Nadal se celebra o nacemento do neno Xesús; é que está prohibido mencionalo. Por iso, como se sabe, non se debe dicir “Bo Nadal”, senón “felices festas”.
Pois a min non me dá a gana someterme a tanta estulticia, a tanto sectarismo e –digámolo claramente– a tanta maldade. Así que remato estas liñas desexándolles un moi bo Nadal. E que se escoite ben alto.