domingo. 21.12.2025

Libre

O pasado 5 de decembre morría en Ruiloba (Cantabria) o columnista e escritor Alfonso Ussía. Con este motivo, os seus amigos e compañeiros teñen destacado as súas calidades persoais e profesionais, con adxectivos como “valente”, “incisivo”, “mordaz” ou “enxeñoso”, pero un dos que máis se ten repetido é o de “libre”. 
Retrato del escritor durante un acto público.
Retrato del escritor durante un acto público.

O pasado 5 de decembre morría en Ruiloba (Cantabria) o columnista e escritor Alfonso Ussía. Con este motivo, os seus amigos e compañeiros teñen destacado as súas calidades persoais e profesionais, con adxectivos como “valente”, “incisivo”, “mordaz” ou “enxeñoso”, pero un dos que máis se ten repetido é o de “libre”. E si, creo que Ussía era un escritor (e unha persoa) libre, aínda que non o lin demasiado nin moito menos o coñecín persoalmente.

En realidade, nunca lin ningún dos seus libros e canto á súa faceta como columnista –a parte da súa obra que, creo, máis se recordará na posteridade– só o seguín acotío nos últimos anos, a través das súas colaboracións en El Debate. É curioso que, despois de escribir durante moitos anos en ABC e La Razón, rematou os seus días colaborando na mesma cabeceira católica á que tamén estivo vencellado o seu avó Pedro Muñoz Seca, o xenial comediógrafo asasinado polas esquerdas na Guerra Civil, de que herdou, sen dúbida, ao seu talento para a sátira. Por certo que as polémicas saídas de Ussía de ABC, primeiro, e La Razón, despois, coido que son proba desa liberdade súa da que falaba.

Oír cualificar de “libre” ao finado xornalista fíxome lembrar o que afirmou de si mesmo unha vez monseñor Gerardo Valencia Cano, bispo de Buenaventura (Colombia) desde 1953 ata a súa morte en 1972. Acusado de “rebelde” (subversivo, guerrilleiro) polo Goberno do seu país pola súa defensa dos máis desfavorecidos, respondeu: “Rebelde? Eu o que son é libre”. (Coido que foi el quen o dixo, pero falo de memoria: descúlpenme se me engano). Por certo que o prelado morreu nun sospeitoso accidente de aviación. Moitos cren que foi asasinado. Despois do sinistro, o Goberno colombiano negouse a recuperar os corpos dos falecidos coa escusa de que a zona de selva en que caíron era “inaccesible”, e tivo que ser un sacerdote e un grupo de campesiños quen escalasen a pé a montaña e rescatasen o cadáver do bispo.

Certamente, a liberdade é unha das capacidades humanas máis valiosas, especialmente nestes tempos, en que escasea tanto debido ao dogmatismo, ao sectarismo e á polarización ideolóxica que esclavizan moitas conciencias. Pero que é a liberdade? Porque aquí quería chegar eu. Ao final, as mencións a Ussía e mais a monseñor Valencia non eran máis ca un pretexto para falar da liberdade.

Din que a verdade é a primeira vítima da guerra (e do totalitarismo, por suposto). A verdade e mais a liberdade, que, ao cabo, van sempre da man. “A verdade faravos libres”, afirmou Xesús. A liberdade é unha calidade tan grande no ser humano como que a herdamos

do propio Deus. Os cristiáns cremos que somos libres porque fomos feitos á imaxe e semellanza do Creador. Pero ata os existencialistas, nada sospeitosos de católicos, consideran a liberdade como a esencia do home, "condenado a ser libre" e a construirse a través das súas eleccións.

Pero insisto: que é a liberdade? Cómpre diferenciar, en primeiro lugar, entre unha liberdade externa ou negativa e outra interna e positiva. A primeira, que é, en definitiva, a que defende o liberalismo, é a liberdade “de”, a liberdade de acción, á referida á ausencia de atrancos para facer o que se quere. Nos sistemas democráticos concrétase en liberdades individuais protexidas legalmente, como a liberdade de pensamento, conciencia e relixión; a liberdade de opinión e expresión ou a liberdade de reunión e asociación. A liberdade interna ou positiva –moito máis valiosa– é a liberdade “para”, a liberdade mental ou de espíritu, e está relacioada coa forza de vontade e co control das propias emocións fronte ás circunstancias externas. Non se perde nin estando no cárcere, como teñen experimentado e confesado moitos presos famosos, desde San Paulo a Nelson Mandela.

Esta segunda liberdade –a verdadeira liberdade– foi albiscada por Sócrates ou Platón e defendida despois por Kant. Os tres pensaban que ser libre é liberarse das paixóns: seguir a razón e a virtude, no canto dos impulsos, que esclavizan. Pero foi o cristianismo, e máis en concreto Santo Agostiño, quen mellor a entendeu ao diferenciar entre o libre albedrío (elixir) e a liberdade propiamente dita (escoller só o ben, porque o mal esclaviza). Agostiño rematou por definir a liberdade como a autodeterminación ao ben e creo que acertou de cheo. “Liberdade para que?”, preguntábase un cínico (e asasino) Lenin. Para facer o ben.

Libre
Comentarios