jueves. 02.05.2024

Joan Bautista Humet

Préstame recuperar a memoria de Joan Bautista Humet, de cuxa prematura morte, aos 58 anos, vanse cumprir 15 o 30 de novembro. Foi, sen dúbida un dos mellores cantautores españois de sempre, á sombra –iso si– de Joan Manuel Serrat, Luis Eduardo Aute ou Víctor Manuel.

Préstame recuperar a memoria de Joan Bautista Humet, de cuxa prematura morte, aos 58 anos, vanse cumprir 15 o 30 de novembro. Foi, sen dúbida un dos mellores cantautores españois de sempre, á sombra –iso si– de Joan Manuel Serrat, Luis Eduardo Aute ou Víctor Manuel.

Humet tivo unha certa relación con Galicia. En 1971 gañou o Festival Bahía de Vigo, premio que, en certo modo, lanzou a súa carreira. E en 1977 gravou o tema Lúa d’as Encrobas, con parte do texto en galego, adicado veladamente ao conflito que enfrontou na Transición os labregos da parroquia do mesmo nome do concello coruñés de Cerceda contra Lignitos de Meirama, pertencente a Fenosa, pola expropiación das terras daqueles para abrir unha mina de carbón. A loita campesiña foi liderada por Moncho Valcarce, un dos poucos sacerdotes nacionalistas que pariu Galicia, a diferenza de Cataluña e o País Vasco, onde, como se sabe, sempre abundaron.

Humet era valenciano, mais sendo só un neno trasladouse coa familia a Tarrasa e logo, aos 18 anos, a Barcelona, para estudar na Universidade. Digo isto porque se o escoitamos cantar en catalán –gravou tanto neste idioma como en castelán–, a súa fala soaranos máis parecida á do barcelonés Serrat que á do valenciano Raimón. Normal, criouse en boa medida na provincia de Barcelona.

Comenzou cantando en catalán –facendo de teloneiro de Lluís Llach, que nos últimos tempos se ten convertido nun dos expoñentes máis sectarios do Procés–, aproveitando os bos ventos que sopraban para a Cançó, pero axiña pasou a cantar tamén en castelán, exercendo un bilingüismo que daquela no era nada doado, pola presión do nacionalismo catalán, e que apenas conseguiron manter el mesmo e Serrat.

O seu tema máis famoso en catalán é Gemma, adicado á súa irmá pequena, enferma de poliomielite, unha patoloxía que na época deixou eivados a moitos nenos. En castelán testounos xoias como Que no soy yo, Terciopelo, Hay que vivir, Yo no podría vivir sin ti, Solo soy un ser humano e Clara, o seu maior éxito, que lle abriu as portas de Hispanoamérica.

Entre 1986 e 2001, durante 15 anos –tantos como hai que morreu–, estivo afastado da música, que, sen dúbida, non o tratou tan ben como merecía. Volveu en 2001 e preparou un novo álbum que saiu en 2004 co irónico título de Solo bajé a comprar tabaco. Infelizmente, un cancro de estómago matouno en 2008, ano en que os seus compañeiros de profesión –Serrat, Víctor Manuel, Ana Belén, Lluís Llach, Maria del Mar Bonet, Dyango…– lle renderon unha homenaxe cun concerto colectivo convertido en disco en 2016.

Rafael Amor, outro dos grandes da canción de autor en español, arxentino radicado en Madrid durante moitos anos, antes de volver ao seu país para morrer, contábame nunha entrevista que lle fixen en 1997 que Humet lle dicía sobre o tópico do cantautor tristeiro: “Dicen que somos tristes. Nosotros escribimos cuando estamos tristes; cuando estamos bien nos dedicamos a vivir”.

Joan Bautista Humet gozou e sufriu, viviu e escribiu. Morreu cedo de máis, pero deixounos as súas cancións, pequenas grandes xoias que nos cómpre redescubrir.

 

Joan Bautista Humet
Comentarios