Morreu o papa e, nestes momentos en que se fala tanto del, destacando tal ou cal aspecto da súa personalidade, gustaríame lembrar o seu sentido do humor e o seu constante chamamento á alegría dos católicos.
Se me preguntasen por que mensaxes do pontificado de Francisco destacaría nesta hora da súa morte, sen parar mentes diría tres: a apelación á conversión pastoral (esa teima súa de que os sacerdotes deben cheirar a ovella e de que a Igrexa ten que ser unha “Igrexa de campaña” e “saír ás periferias”), a énfase na misericordia divina e a exhortación á alegría e o bo humor dos cristiáns.
É curioso que os que o coñecían antes de ser nomeado papa salienten que daquela o seu carácter era máis seco, como se co ministerio petrino gañase en expresividade, cercanía, alegría e bo humor. Francisco deixounos centos de anécdotas relacionadas con este seu sentido do humor, que algúns denominaron “porteño” e que, en boa medida, estaba baseado na autoironía. Penso, por exemplo, no que lle dixo a Carlos Herrera na entrevista que o xornalista da COPE lle fixo despois de ser operado en 2021: “Má herba nunca morre”.
O papa confesaba a miúdo que rezaba acotío a famosa Oración para conseguir o bo humor de Santo Tomás Moro, que riu da súa propia morte no patíbulo en que o rei Henrique VIII de Inglaterra mandou que lle cortasen a cabeza. Non me resisto a transcribila enteira, porque non ten desperdicio: “Concédeme, Señor, unha boa dixestión, / e tamén algo que dixerir. / Concédeme a saúde do corpo, / co bo humor necesario para mantela./ Dáme, Señor, unha alma santa que saiba aproveitar / o que é bo e puro, para que non se asuste ante o pecado, / senón que atope o xeito de pór as cousas de novo en orde. / Concédeme unha alma que non coñeza o aburrimento, / as murmuracións, os suspiros e os queixumes. / E non permitas que sufra de abondo / por ese ser tan dominante que se chama eu. / Dáme, Señor, o sentido do humor. / Concédeme a graza de comprender as bromas, / para que coñeza na vida un pouco de alegría / e poida comunicarlla aos demais”.
Alén desta ledicia súa, Francisco non cansou de alentar aos católicos a vivir con alegría e bo humor. Deixou mostra disto especialmente en dúas das súas exhortacións apostólicas: Evangelii Gaudium (‘A Alegría do Evanxeo’, 2013) e Gaudete et Exsultate (‘Alegrádevos e Reloucar’, 2018). Na segunda, un papa menciona por primeira vez a alegría e o sentido do humor como unha das “notas da santidade do mundo actual”, e cita a Santo Tomás Moro, San Vicente de Paúl e San Felipe Neri como exemplos do bo humor cristián e recomenda rezar a oración do primeiro. A estes dous documentos cómpre engadir outro acontecemento absolutamente novidoso: o encontro con humoristas de todo o mundo que Francisco mantivo no Vaticano o 14 de xuño de 2024, hai menos dun ano. Foron máis de cen humoristas e comediantes, e era a primeira vez que un papa se reunía con este colectivo.
Claro que nada disto debe sorprendernos. Para o cristián, a alegría é máis ca un atributo, é un verdadeiro mandato, ata o punto de que poderiamos considerar un pecado a tristura. Non falo da dor nin do sufrimento, senón da tristura. A dor e o sufrimento son inevitables, pero si podemos darlles un sentido que nos permita, precisamente, non caer na tristura e manter unha actitude leda. Non podía ser doutra maneira, tendo en conta que Evanxeo significa ‘noticia ditosa’ e que a alegría –máis aínda, a exhortación á alegría– é un leitmotiv en todo o Novo Testamento. Xesús chámanos a ela repetidamente, como en Xn 15, 11 (“Díxenvos estas cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena”), e San Paulo tamén: “Estade sempre alegres no Señor; repítovolo, estade alegres” (Flp 4, 4).
Descanse en paz o papa Francisco. Que Deus o acolla no seu Reino, onde, ademais dos cantos dos anxos, escóitanse os risos dos benaventurados.
