miércoles. 04.02.2026

Fernando Esteso

O humor de Esteso pódenos parecer hoxe choqueiro, pero no seu tempo tivo un éxito extraordinario e fixo felices a moitísimas persoas, entre eles ao neno que era eu daquela. Os seus chistes facían graza á España da época e era un grande imitador.
Fernando Esteso.
Fernando Esteso.

Morreu Fernando Esteso, e a prensa destacou as súas nove películas rodadas a finais dos anos 70 e comezos dos 90 con Andrés Pajares e dirixidas todas por Mariano Ozores. Foron desprezadas pola crítica, que as tachou de “casposas”, pero todas elas acadaron unha altísima recadación e contribuíron sen dúbida a facer da cinematografía nacional unha industria. Porque o cine é arte e industria, non o esquezamos. E sen as películas “industriais” non se poderían facer as artísticas.

O que apenas vin nos xornais foron referencias á faceta de Esteso como humorista de escenario e televisión. E esta é a que quero lembrar aquí, sobre todo a de televisión, porque foi a que tivo relevancia na miña historia persoal (de feito, non cheguei a ver ningunha das súas películas, nin entón nin despois).

Podo dicir que, así como na pequeña pantalla descubrín o humor infantil con “Los Chiripitifláuticos” e, sobre todo, con “Los payasos de la tele”, coñecín o humor “adulto” –tamén na televisión– por Fernando Esteso. É o primeiro humorista que recordo na “caixa tonta”. Principalmente, polas súas actuacións nos programas especiais de Noitevella, xa que daquela o único que me deixaban ver da televisión na casa era a programación infantil, pero o programa especial de Noitevella supuña sempre unha excepción: despois de cear, toda a familia sentabamos diante do televisor a velo; tamén os nenos. Lembro as súas cancións “La Ramona” e “El zurriagazo”, e o seu sketch do “coñac La Parra”, que, por certo, non era oxirinal seu. Hai pouco tiven ocasión de ver en Youtube un cómico latinoamericano que xa o facía antes con grande éxito.

Leo estes días na prensa que o propio Esteso definía o seu humor como “limpio, blanco, sin complicación; de la calle”, e seguramente o era –o que ofrecía na televisión; no teatro e no cine podía ser máis picante ou verde–, aínda que hoxe talvez non pasaría pola peneira do políticamente correcto. Estou pensando, por exemplo, na letra de “La Ramona”: sería acusada, por suposto, de machista.

O humor de Esteso pódenos parecer hoxe choqueiro, pero no seu tempo tivo un éxito extraordinario e fixo felices a moitísimas persoas, entre eles ao neno que era eu daquela. Os seus chistes facían graza á España da época e era un grande imitador. En Youtube pódese ver o vídeo dunha actuación televisiva súa cantando con Julio Iglesias e imitándoo na súa cara. Pero é que Esteso cantaba realmente ben: chegou a se presentar ao festival de Benidorm de 1982

cun tema de Augusto Algueró titulado “Soy un vividor”, e ficou sexto. Por certo que o segundo lugar foi para “Princesa”, interpretada por Juan Antonio Muriel, quen a compuxera xunto a Joaquín Sabina.

Era outro tempo e outra España. Esteso representaba o básico, o que lle gustaba a unha clase media que empezaba a prosperar de verdade e aceptaba produtos rudimentarios nos que se reflectía.

Fernando Esteso
Comentarios