lunes. 15.07.2024

Fausto

Morreu o Fausto. Fausto Bordalo Dias. O penúltimo representante do movemento da canción de intervención que tanta esperanza trouxo aos portugueses antes, durante e depois da Revolução dos Cravos. Digo o penúltimo porque aínda resiste o Sergio Godinho, pero o José Mário Branco já morreu, en 2019, e non digamos o Zeca, o José Afonso, a quen nolo arrebatou unha enfermidade dexenerativa en 1987, cando só tiña 57 anos, curiosamente os mesmos que vou cumprir pasadomañá.
FILIPE SARAIVA FROM LISBOA, PORTUGAL-
FILIPE SARAIVA FROM LISBOA, PORTUGAL-

Morreu o Fausto. Fausto Bordalo Dias. O penúltimo representante do movemento da canción de intervención que tanta esperanza trouxo aos portugueses antes, durante e depois da Revolução dos Cravos. Digo o penúltimo porque aínda resiste o Sergio Godinho, pero o José Mário Branco já morreu, en 2019, e non digamos o Zeca, o José Afonso, a quen nolo arrebatou unha enfermidade dexenerativa en 1987, cando só tiña 57 anos, curiosamente os mesmos que vou cumprir pasadomañá. Por iso digo “só”: un nunca se ve vello. Por certo que o Fausto tiña 75, que tampouco son moitos para a esperanza de vida de hoxe.

En Galicia recordaráselle sempre pola súa “Rosalinda” (1978), titulada en realidade “Se ti fores ver o mar (Rosalinda)”, con ese futuro de subxuntivo que aínda hoxe goza de tanta vitalidade no portugués e que no galego e mais no castelán hai séculos que morreu. Unha canción de amor que enmascara (non tanto; é bastante diáfana) unha poderosa crítica á degradación ambiental e á indiferenza dos poderes económicos e políticos á degradación da natureza, coa súa explícita mención á construción dunha central nuclear en Ferrel, Peniche, Portugal. Finalmente, a central non se chegou a construír pola forte oposición popular.

Do pouco que teño oído da súa obra (confeso que non a coñezo demasiado ben), a min sempre me gustou especialmente “Namoro” (1988), outra historia de amor en que o músico relata o seu repetido fracaso en ser correspondido pola muller á que ama, ata que ao final, inesperadamente, a atopa nun baile ao que el vai por azar. Bailan xuntos, el pídelle un bico “e ela disse que sim”.

Pero a súa obra máis famosa é o álbum Por este rio acima (1984), considerado pola crítica un dos discos máis marcantes da música popular portuguesa das últimas décadas. Inclúe cancións como “O barco vai de saida”, “A guerra é a guerra” ou “Como un sonho acordado”. Pero a min a que máis me gusta é o “Romance de Diogo Soares”, “o grande general / chamado ‘o Galego’, / o homem dos olhares fatais”. Descubrina hai moitos anos cando un profesor nola puxo na clase de portugués na Escola de Idiomas e enfeitizoume decontado. Un auténtico romance medieval, cheo de sucesos truculentos, convertido nunha xoia pop de cinco minutos. Conta o terrible  final de Diogo Soares, lembrado en Portugal como símbolo da tiranía castelá na etapa do conde-duque de Olivares e que terminou lapidado en Pegu, Birmania (hoxe Myammar), onde era gobernador, tras encapricharse dunha moza acabada de casar. O Galego mandou matar o noivo con intención de posuírla, pero ela suicidouse para evitar ser violada. O pai da rapariga chamou o pobo a tomarse a xustiza pola man e o Soares foi lapidado e despois o seu corpo desenterrado da chea de pedras e arrastrado polas rúas polos nenos. Todo moi truculento, pero cantado a un ritmo trepidante, case hipnótico, por un engaiolante coro feminino e mais polo propio Fausto.

Morreu o Zeca, morreu o Branco e agora morre o Fausto. A xeración que fixo a Revolução dos Cravos coas súas cancións está a desaparecer. Mais nos queda a música. A deles. A que fixeron. Unha etapa da historia da música portuguesa marcada moi especialmente polo compromiso. E polo talento, claro.

Fausto
Comentarios