Corina Machado vén de se converter no primeiro venezolano –a primeira muller, ademais– en recibir un Premio Nobel, neste caso o da Paz. O xurado recoñeceuna polo seu “incansable labor na promoción dos dereitos democráticos do pobo de Venezuela e pola súa loita por acadar una transición xusta e pacífica da ditadura á democracia”.
Alégrome moito por este premio, por dúas razóns. Primeiro, porque non foi concedido a un “estadista”, un deses homes –ou mulleres– que practican a “razón de Estado” (presidentes de Goberno, ministros de Asuntos de Exteriores), aos que, no mellor dos casos, se lles dá o Nobel por promoveren acordos de paz que rematan con guerras que eles mesmos impulsaron. “Estadistas” que normal e paradoxalmente levan adiante políticas que violan sistematicamente os dereitos humanos. Coido que non fai falla dicir nomes. Abundan e abondan. E, en segundo lugar, alégrome porque este galardón vén a supor un balón de oxíxeno máis que necesario para un pobo machucado por unha das peores ditaduras que existen no mundo hoxe en día. Ditadura, por certo, apoiada entusiasticamente por todos os “progresistas” de España e imaxino que de boa parte do mundo. Podiamos lembrar os mortos, feridos, detidos, encarcerados e torturados para nos facermos idea da natureza represora do réxime, pero abonda con lembrarmos que nove millóns de persoas tiveron que abandonar nos últimos anos un país que agora ten unha poboación de vinte e oito millóns de habitantes; é dicir, que un de cada catro venezolanos ten tido que marchar da súa patria para fuxir da represión e da pobreza.
Das reaccións ao Nobel a Machado chámanme moito a atención dúas: a de Donald Trump e a de Pablo Iglesias. Do presidente dos EEUU xa me sorprendeu que se autopostulase para o premio nos días previos ao fallo, alegando que xa resolveu “oito guerras” (!). É o único caso que lembro en que alguén pide con insistencia o galardón para si. Un acto de soberbia e vaidade que non me colle na cabeza. E despois do fallo non tivo reparo en manifestar o seu malestar, aínda que indirectamente, a través do responsable de Comunicación da Casa Blanca, Steve Cheung, quen lamentou que o Comité dos Nobel antepuxera “a política á paz”.
Canto ao líder de Podemos, permitiuse a desvergoña de chamar “golpista” a Machado e de a comparar con Adolf Hitler: “Xa postos, poderíanllo dar [o premio] directamente a Adolf Hitler a título póstumo”. Pero, claro, que podiamos agardar:
Iglesias é un saco de lixo totalitario. Así que a golpista é Machado, que, despois das eleccións presidenciais de xullo de 2024, publicou en internet o oitenta e dous por cento das actas –recollidas por centos de voluntarios organizados pola oposición–, que amosaban que o gañador fora Edmundo González Urrutia, e non Nicolás Maduro, quen se proclamou vencedor sen mostrar ata o día de hoxe –quince meses despois– nin unha soa acta.
Felicidades a Corina Machado por este premio e tamén ao Comité Nobel, que, por unha vez, acertou concedéndollo a unha persoa que ten acreditada abondo a súa loita permanente pola democracia e a defensa dos dereitos humanos, como proba o feito de que teña que vivir na clandestinidade para evitar ser encarcerada ou mesmo asasinada pola ditadura.
