jueves. 25.04.2024

Delitos e faltas

"(...) Hoxe, case todos botan man da mentira para se librar da súa responsabilidade ou culpa. E fano cometendo un dobre crime, porque, ao mentir dicindo que eles non son responsables ou culpables de nada, están a acusar de mentir precisamente a quen si di a verdade: a aquel que lles afeou a súa conduta, que moitas veces é a propia vítima dela; a aquel a quen agraviaron, de xeito que o damnifican dúas veces: primeiro cáusanlle un dano e logo línchano moralmente, chamándoo mentiroso, cando os mentirosos son eles. Todo moi repulsivo.(...)"

“Que prefire: pedir permiso ou pedir perdón?”. Velaquí unha pregunta recorrente nos cuestionarios tipo Proust que se publican ás veces na prensa, aqueles que pretenden revelar aspectos da personalidade do entrevistado. E, indefectiblemente, todos responden “pedir perdón”, porque pedir permiso é hoxe politicamente incorrecto: soa submiso e servil. O curioso é que despois ninguén pide tampouco perdón, e abofé que ás veces deberiamos. Unha das características principais da nosa sociedade decadente é que ninguén é quen de asumir a súa responsabilidade –moito menos a súa culpa– de nada. E asegúrolles que todos somos responsables de moitas cousas e culpables dalgunhas. Responsables porque somos libres, aínda que algúns insistan en que non para se zafar de ter que dar contas dos seus actos. E culpables porque está claro que ás veces causamos prexuízos aos demais, mesmo voluntariamente.

Hoxe, case todos botan man da mentira para se librar da súa responsabilidade ou culpa. E fano cometendo un dobre crime, porque, ao mentir dicindo que eles non son responsables ou culpables de nada, están a acusar de mentir precisamente a quen si di a verdade: a aquel que lles afeou a súa conduta, que moitas veces é a propia vítima dela; a aquel a quen agraviaron, de xeito que o damnifican dúas veces: primeiro cáusanlle un dano e logo línchano moralmente, chamándoo mentiroso, cando os mentirosos son eles. Todo moi repulsivo.

Polo tanto, atopámonos con que ninguén quere pedir permiso, pero tampouco perdón. Outra pregunta recorrente tipo Proust é: “Arrepíntese de algo?”. E a resposta, tamén recorrente, adoita ser: “Non, de nada”. Pois eu arrepíntome todos os días de moitas cousas: algunhas, por facelas; outras, por non as facer. Seime responsable e mesmo culpable de moitas accións que non falan precisamente ben de min. Pero, claro, a sociedade actual –moi especialmente a española– ten un problema coa culpa. Se antes todo era pecado, e polo tanto facíannos sentir culpables por todo, actualmente nada é malo –xa non digo pecado– e, xa que logo, non temos por que sentirnos culpables de nada. Leo hoxe mesmo na prensa unha entrevista co debuxante Nazario en que se revela como o enésimo personaxe que se laia da culpa que lle inculcaron a súa nai e os curas na súa infancia. E si, se cadra unha e outros vían culpa en case todo. Pero non ver culpa en nada, máxime cando o culpable ten diante de si a súa vítima sufrindo, é imperdoable.

Delitos e faltas
Comentarios