miércoles. 05.11.2025

A Fundación Manuel Moldes continúa a fortalecer os seus vínculos coa sociedade pontevedresa coa posta en marcha do ciclo “Tecendo redes”, unha iniciativa que busca crear sinerxías entre a arte, a cultura e o público a través de actividades abertas e participativas. O proxecto desenvólvese en colaboración coa Deputación de Pontevedra e pretende converterse nun referente da vida cultural da cidade.

Nos estatutos fundacionais da entidade xa se recolle o propósito de protexer, recuperar e difundir o legado de Manuel Moldes, así como o de establecer conexións entre a arte e a sociedade. Nesta liña, a Fundación vén impulsando exposicións de diversa índole —tanto monográficas como compartidas con outros artistas— e colaborando con entidades culturais como o festival BDra Gráfica ou a Bienal de Arte de Pontevedra. Ademais, organiza actividades que combinan arte e participación cidadá: contacontos inspirados nas obras expostas, obradoiros infantís, visitas guiadas e roteiros artísticos pola cidade.

O novo ciclo “Tecendo redes” supón un paso máis nesa vontade de abrir espazos de diálogo e aprendizaxe arredor da creación artística. A proposta inspírase na vertente docente do propio Manuel Moldes, quen foi profesor da Facultade de Belas Artes durante case dúas décadas, ata o seu falecemento en 2017.

As primeiras actividades desenvolveranse ao longo do que queda de 2025, comezando co obradoiro “Como construír unha onda contemporánea”, que terá lugar este sábado 8 de novembro ás 18:30 horas na sede da Fundación (rúa Benito Corbal 47, 8º andar, entrada por rúa Javier Puig 3). A sesión será dirixida polo pintor e escultor Lito Portela, quen introducirá ás persoas participantes na técnica da acuarela líquida cunha temática mariña.

A actividade é de balde, con prazas limitadas, e require inscrición previa a través do correo electrónico info@fundacionmanuelmoldes.org.

Con “Tecendo redes”, a Fundación Manuel Moldes reafirma o seu compromiso de achegar a creación artística á cidadanía, promovendo un espazo aberto de encontro, experimentación e diálogo arredor da arte contemporánea.

A Fundación Manuel Moldes lanza o ciclo “Tecendo redes” para conectar arte, cultura e...
Comentarios