Aos meus cincuenta e tantos anos, téñome reinventado como profesor de Secundaria, e nos tres cursos que levo traballando en educación o que máis me ten sorprendido, ademais do baixísimo nivel académico dos rapaces –algúns dos meus alumnos, de trece anos, non saben cousas que noutro tempo se sabían con oito–, é, por un lado, a sistemática falta de respecto dos estudantes polos seus profesores (alén de polos seus compañeiros e polo material e as instalacións escolares) e, por outro, a súa absoluta covardía para asumiren a responsabilidade dos seus propios actos.
Do que quero falar hoxe aquí é do segundo asunto, pero, canto ao primeiro, non me resisto a reproducir un titular publicado hai apenas uns días en Infobae: “José Antonio Macías: ‘Los alumnos no tienen ningún sentido de la autoridad ni del respeto, y para los padres la culpa siempre es de los docentes”. Cómpre dicir que o tal José Antonio Macías é un profesor sevillano de inglés que ten só 25 anos e que, coma min, está aínda iniciándose no mundo da educación.
Pero imos á segunda cuestión: a incapacidade total dos alumnos para facérense responsables dos seus propios actos e asumiren as consecuencias deles. Os nosos estudantes nunca fan nada mal (é dicir, nunca admiten facer nada mal). A responsabilidade ou a culpa é sempre de outro. Todo son escusas e botar balóns fóra. Unha incapacidade que, como ven, é froito da covardía. E conleva, si ou si, unha absoluta incomprensión de en que consiste a liberdade, pois ben é sabido que non hai liberdade sen responsabilidade nin dereitos sen deberes.
Claro que isto non debería sorprendernos tanto, porque esta mesma incapacidade, esta mesma covardía, se ve tamén nos adultos. Hoxe, máis ca nunca, pero en realidade desde sempre. Chega con lembrar o libro do Xénese, cando Adán e Eva comen da mazá prohibida. Deus pídelle explicacións a Adán e este respóndelle: “A muller que me deches como compañeira deume do froito da árbore e comín”. Ei o mesmo fai Eva despois de que Deus lle pregunte a ela: “A serpente enganoume e comín”.
Xa ven, desde entón non melloramos nada e si empeoramos moito. Pero o máis triste de todo é que levamos xeracións transmitindo esta covardía aos nosos nenos, que medran incapaces de asumiren calquera responsabilidade dos seus actos.
Que e como rachará esta cadea?
