lunes. 29.04.2024

Aqueles pubs da zona monumental de Santiago

Agora que Santiago se converteu nun insufrible parque temático xacobeo, quero –como desagravio, talvez– lembrar algún aspecto atractivo da Compostela doutro tempo. Gustaríame falar das cuncas do Franco das décadas de 1970 e 1980 –o outro rallye París-Dakar–, pero tería que inventar, pois non as coñecín, xa que non foi ata 1991 cando cheguei a traballar e a vivir na cidade. Falarei, mellor, dos pubs da zona monumental nos anos 90, verdadeira era de ouro destes estabelecementos, aínda que os primeiros se fundaran na década de 1970.

Agora que Santiago se converteu nun insufrible parque temático xacobeo, quero –como desagravio, talvez– lembrar algún aspecto atractivo da Compostela doutro tempo. Gustaríame falar das cuncas do Franco das décadas de 1970 e 1980 –o outro rallye París-Dakar–, pero tería que inventar, pois non as coñecín, xa que non foi ata 1991 cando cheguei a traballar e a vivir na cidade. Falarei, mellor, dos pubs da zona monumental nos anos 90, verdadeira era de ouro destes estabelecementos, aínda que os primeiros se fundaran na década de 1970.

Daquela, eu vivía a un paso de todos eles, na unión de Calderería con Preguntoiro, nas Cinco Rúas, e case que todas as noitas, tras saír da redacción de El Correo Gallego –a tristemente desaparecida redacción de Preguntoiro– frecuentaba algúns ata as primeiras horas da  madrugada.

Todos tiñan en común un feixe de características ben interesantes: a pedra das súas paredes, o ambiente cultural, a música en directo, o público maioritariamente estudantil –aínda que non faltaban profesionais novos coma min, moitos deles xornalistas (en todo caso, aínda non se vían turistas)– e, sobre todo, a posibilidade de sentar e conversar relaxadamente, e tamén de debater, mesmo de conspirar, pois moitos deles posuían un certo aire reivindicativo. Como dixo unha vez o responsable dun deles nunha entrevista de prensa, o obxectivo era “ofrecer cultura, non abrevadeiros”.

O quilómetro cero desta singular ruta situábase –e sitúase, pois a maioría seguen felizmente abertos, aínda que moitos perderon o encanto daqueles anos– en San Paio de Antealtares. O percurso principiaba –e principia– no Modus Vivendi, o máis antigo de todos, que o ano pasado celebrou o seu 50 aniversario. Ubícase nas antigas cortes do barroco Pazo de Somoza. O local estaba –e está– distribuído en dous niveis, separados pola vella rampla que tiñan as cortes: a entrada, coa barra e vitrinas cheas de postais, billetes e outros obxectos ben curiosos, e unha parte baixa, con mesas nas que falar relaxadamente e onde se instalaba o escenario cando había música en directo. A un paso atopábase –e atópase– o Metate, unha antiga fábrica de chocolate decorada con parte da súa vetusta maquinaria. Seguía o Fuco-Lois, fundado polos inesquecibles Paco Torrente (Fuco) e Lois García (Lois, tristemente falecido), que se erguía nunha casa que hai uns aniños estaba apuntalada. A entrada era moi estreita, pero daba paso a unha sala cunha acolledora cheminea e un teito con espello que convidaba a divertirse mirándose un reflectido nel. Debido ao mal estado da casa, o pub tivo que pechar en 1994 e volveu abrir, co mesmo nome, na veciña rúa de Xelmírez, nun local moito maior e moi ben montado, pero xa sen o encanto especial do primitivo. Logo estaba a Borriquita de Belén, que se ubicaba –e ubícase– en fronte da Porta dos Carros do Convento de San Paio, de cuxo conxunto escultórico –unha escena da fuxida a Exipto da Sagrada Familia– toma o nome. Podería quitarlle ao Modus o título de primeiro pub de Compostela, pois naceu en 1971 como “taberna singular”. Os seus mojitos eran e son irresistibles. A seguinte parada facíase no Paraíso Perdido, que tiña –e ten– unha entrada en pendente pola que unha vez esvarei e dei de costas no chan e un espazo compartimentado que convidaba á conversa íntima, tal vez conspirativa.

Xa na Vía Sacra, cumpría entrar na Casa das Crechas, o templo da música folk das noites compostelás, coas súas famosas foliadas dos mércores das que saíu unha banda que leva o nome da casa. A finais dos 90 graváronse aquí algunhas escenas d’A rosa de pedra, unha película sobre o Camiño de Santiago que tiña como protagonista a modelo Laura Ponte e na que tiven o placer de participar como extra.

Fóra de San Paio de Antealtares, outras paradas obrigadas eran o Galo d’Ouro (A Conga), un dos pubs máis pintorescos do Santiago vello, coa súa característica gramola, que reabriu felizmente en 2022 tras dous anos pechado; a Reixa (Tras Salomé); o desaparecido Joam Airas (Travesa); o Momo (Virxe da Cerca), co seu –daquela– innovador xardín; e, xa en Entremuros, o Curruncho e o Tarasca, o segundo dos cales acubillaba os nacionalistas máis radicais.

O percurso incluía tamén outros pubs como o Literarios, no alto da escalinata da Quintana, con atractivas pinturas murais, ou o Atlántico, na Fonte de San Miguel, un dos pioneiros en Galicia en programar contacontos para adultos e onde tiven a ocasión de facer un obradoiro co contador arxentino José Campanari.

En fin, unha paisaxe que aínda existe, pero que xa non é a mesma, ou, se cadra, o que xa non son o mesmo son eu. Ao cabo, pasaron case trinta anos e hoxe xa non son aquel xornalista noviño do trinque que acababa de achar unha Compostela que fervía e, sobre todo, tiña vida de seu alén do fenómeno xacobeo.

Aqueles pubs da zona monumental de Santiago
Comentarios