lunes. 03.11.2025

Andaluces en Galicia

Vin o pasado mércores por televisión a final da Conference League que xogou o Betis contra o Chelsea. En realidade, vin só os derradeiros 65 minutos.

Vin o pasado mércores por televisión a final da Conference League que xogou o Betis contra o Chelsea. En realidade, vin só os derradeiros 65 minutos. Derradeiros e fatídicos, pois foi neles cando o equipo sevillano se afundiu. Vino na cafetería “Sevilla”, a carón da miña casa, en Vigo, e tiña á miña beira –e aí é onde eu quería chegar– un fato de afeccionados do Betis coas súas bufandas e camisetas. Mesmo colocaron con discreción unha gran bandeira do seu equipo debaixo do televisor. En verdade que chamaban a atención. Unha das camareiras da cafetaría comentoume logo: “Non sabía que había tantos seguidores do Betis aquí”.

Con certeza que en Vigo –en Galicia toda– hai bastantes andaluces. Eu, de primeiras, podo mencionar varios entre os meus amigos e coñecidos: Carmen e o seu marido Pepe (xa falecido), ambos os dous de Sevilla; María José, malagueña, que regresou á súa cidade; Alfonso, gaditano; Luis Carlos, tamén de Cádiz… Mesmo a uns metros da miña casa, na rúa Barcelona, houbo ata hai pouco unha taberna andaluza especializada en pescadito frito que se chamaba “El Puente de Triana”. Sempre me preguntei se se sentían a gusto en Galicia, se lles resultou difícil adaptarse. Porque, sen parar mentes, semella que Andalucía é o máis diferente de Galicia que hai en España. E viceversa. Pero eles –os meus amigos e coñecidos andaluces– non parece que se atopen moi a desgusto aquí.

Confésolles que hai anos que albergo o desexo de escribir unha reportaxe profundizando neste asunto. Titularíase “Galegos en Andalucía, andaluces en Galicia”. Quen sabe, se cadra un día o fago e pódeno ler nesta mesma web.

Para min que, malia as aparentemente moitas e moi grandes diferenzas entre Andalucía e Galicia (por certo, para cando unha película titulada Oito apelidos galegos?; porque semella que a saltaron na terceira entrega da serie con Oito apelidos marroquís), se cadra non son tantas nin tan pronunciadas. Para alén de que non hai unha única Andalucía –e, por exemplo, o carácter expansivo do sevillano non ten nada que ver co reservado do habitante da serra de Xaén–, andaluces e galegos compartimos un clima hostil –aínda que por razóns ben diferentes– e unha historia de sometemento e marxinación que se cadra non nos fan tan direrentes. Sabemos, por exemplo, que entre os chistes de Lepe (Huelva) que se contaban en España en xeral –agora xa non tanto– e os de galegos que circulaban por Bos Aires –quero crer que agora tampouco tanto– non había moita diferenza.

En fin, que me gustou ver o outro día na “Sevilla” ese grupo de afeccionados béticos de evidente orixe hispalense e lamentei por eles a derrota do seu equipo. Pero, xa saben: “¡Viva er Beti, manque pierda”. Ao cabo, eu teño tres sobriños sevillanos, dous cuñados xienenses e un bisavó gaditano.

Andaluces en Galicia
Comentarios