jueves. 06.11.2025

Aborto

Falemos do aborto sen ambaxes. Ao meu parecer (aínda que o teño por unha evidencia, máis ca por unha opinión), é o maior crime da historia da humanidade; da pasada e da que está por vir. Non o houbo nin o haberá peor. Nin a esclavitude, nin os xenocidios.
Ilustración. DL-G.
Ilustración. DL-G.

Falemos do aborto sen ambaxes. Ao meu parecer (aínda que o teño por unha evidencia, máis ca por unha opinión), é o maior crime da historia da humanidade; da pasada e da que está por vir. Non o houbo nin o haberá peor. Nin a esclavitude, nin os xenocidios. En realidade, o aborto é o maior xenocidio que poidamos imaxinar. Supón xa a primeira causa de morte en todo o mundo. Segundo a OMS, cada ano rexístranse arredor de 73 millóns de abortos inducidos, o que equivale a uns 200.000 ao día. 73 millóns de vítimas só por seren nenos aínda non nacidos. Traten de contabilizar cantos abortos se teñen producido desde 1973, o ano en que foi permitido nos EEUU, aínda que xa existía na URSS e nalgúns outros países: centos de millóns, probablemente máis de mil. Como dicía, non hai nin haberá un crime peor. Nel concorren os dous maiores agravantes que podamos imaxinar: a vítima (o feto) é o ser máis indefenso e inocente posible; e quen o mata (a súa nai) é a persoa que debería protexelo e defendelo máis.

Cando era neno, hai cincuenta anos, a ciencia aínda discutía sobre se o feto era ou non unha persoa humana. Hoxe non ten dúbida ningunha. Sabe que hai vida desde o momento mesmo da concepción. Pero non só o saben os científicos. Tamén todos aqueles que participan nun aborto, desde a nai ata o médico, pasando polos lexisladores e os propagandistas. A proba máis clara é que nalgúns lugares do mundo xa se pode abortar ata o momento do parto. Vai negar alguén que un feto de nove meses, que está mesmo a nacer, é un neno? Por iso danse paradoxos inmensos como que a medicina se afane en operar no ventre da nai un feto de cinco meses de xestación e, asemade, mate outro con seis ou oito.

Como é posible este disparate? Moi sinxelo: porque, unha vez máis, como acontece sempre cos totalitarismos, ponse a ideoloxía (neste caso, a progre) por riba do ser humano. Fíxoo o nazismo e tamén o comunismo. E agora faino o “progresismo”. Por iso cualifica o aborto de dereito e vaino blindar nos ordenamentos constitucionais dos diferentes países, sen admitir disidencia ningunha. A quen se opoña agárdalle o cárcere. A quen queira apenas informar as mulleres que outras alternativas ten, tamén.

O xornalismo cínico (é dicir, o falso xornalismo –lembremos o que dicía Ryszard Kapuściński sobre o verdadeiro: “Os cínicos non serven para este oficio”–) ten espallado esa frase que di: “Non deixes que a realidade che estrague unha boa historia”. O totalitarismo progre sostén o mesmo con respecto ao aborto: non deixes que a realidade –neste caso, que o feto é un ser humano– che estrague un bo aborto. O progre é abortar, porque abortar é feminista. Ese é o discurso oficial. O demais é reaccionario, aínda que sexa verdade. Ben sabemos que o aborto non é nin progresista nin feminista, senón todo o contrario, pero as mulleres tenlles comprado o discurso aos progres e desde entón xa non importa se o feto é un ser humano ou só un amasillo de células. Xa saben: “Nós parimos, nós decidimos!” e “O meu corpo é meu!”.

Ata que as mulleres non esperten e se dean de conta de que están sendo utilizadas polo totalitarismo progre, o aborto continuará matando millóns de seres humanos. Ogallá acorden logo.

Aborto
Comentarios