lunes. 02.02.2026

O fío de liño entre Trasalba e a Terra Chá, entre Otero Pedrayo e Ramón Villares

O destino, ese fío de liño resistente e luminoso, volve tecer unha Galicia unida pola memoria e a palabra: Ramón Villares traza un círculo perfecto entre a Terra Chá e Trasalba co Premio Trasalba 2026.
Ilustración DL-G.
Ilustración DL-G.

O destino, ese fío de liño -resistente, inmaculado e condutor dunha sabedoría ancestral que adquire a forza mítica do fío de Ariadna ou a unión do fío vermello- que Ramón Villares Paz, historiador e catedrático galego leva décadas debullando con precisión de ourive, acaba de trazar un círculo perfecto sobre a xeografía espiritual de Galicia. Apenas uns días despois de que o reitor magnífico anunciase a xenerosa doazón do seu arquivo persoal á Universidade de Santiago de Compostela -ese legado de sesenta e seis caixas que gardan a memoria de cincuenta anos de rigor intelectual-, a Fundación Otero Pedrayo coroa a súa traxectoria co Premio Trasalba 2026.

 

Ramón Villares é grande, e o é en todos os sentidos positivos do termo. Sabíao ben Nélida Piñón, escritora brasileira, premio Princesa de Asturias de Literatura, que nas súas viaxes a Galicia sempre reservaba un oco sagrado para un xantar co de Xermade; recoñecíao o Presidente Fraga; aprecibíano Ramón Chao, xornalista e escritor; e coñéceo Rouco Varela , cardeal e canonista. Todos viron no historiador de Cazás esa mestura rara de autoridade moral e humildade intelectual que define aos elixidos.

 

Nesa mesma liña de excelencia sitúase a súa relación con Darío Villanueva, teórico e crítico literario galego, ex Presidente da Real Academia Española. Ambos, fillos dun azar benvido na Terra Chá, representan un diálogo único entre a historia e a filoloxía. Villanueva, que compartiu con Villares a alta responsabilidade do reitorado na USC, recoñece nel ao gran narrador da identidade galega moderna, mentres que Villares ve en Darío a excelencia da crítica que proxecta a nosa cultura dende o rigor institucional cara ao mundo.

 

Existe unha harmonía telúrica nesta escolla. Se a voz de Ramón Otero Pedrayo, escritor e xeógrafo galego, era unha tempestade ostentórea que facía escintilar o granito do seu pazo de Amoeiro, a de Ramón Villares é unha marea mansa e cadenciosa, un fluír de sabedoría que non precisa do trono para impoñer a verdade do dato. Son dous tempos distintos para un único compromiso inquebrantable coa Terra.

 

Co Premio Trasalba 2026 establécese unha nova ponte de afectos entre a Terra Chá e o Ribeiro. Hai un paralelismo físico no interior da Galicia fecunda: onde Otero vía xeoloxía firme asentada na rocha, Villares ergue unha historia documental tamén pétrea, inamovible, documentada dende o rigor de pezas claves.

 

A Terra Chá de Ramón Villares, coa verticalidade do torreón e o simbolismo da árbore da Pravia na súa capital, Villaba, espéllase hoxe en Trasalba, co seu Pazo, a galería deseñada por Castelao, e o recordo da araucaria irmá, como se estivésemos ante unha estampa do Val de Orcia na Toscana. É o triunfo do clásico, do equilibrio grego e o renacemento italiano nunha Galicia que se recoñece na súa propia intelixencia. Otero e Villares: dous personaxes inconmensurables que, sobre o granito e a palabra, seguen a guiar o noso camiño.

 

Esta unión entre a chaira lucense e os outeiros de Amoeiro non é un feito illado, senón a manifestación visible desa rede de comunicación forestal que sostén a alma de Galicia. Baixo o chan que pisamos, as raíces de Otero e os novos gromos representados por Villares entrelázanse nunha micorriza intelectual onde o coñecemento flúe sen xerarquías. Como eses “árboles madre” (árbores nai) descritos por Suzanne Simard, ecóloga e escritora canadense, os galeguistas de onte seguen a nutrir, a través dun micelio de tinta e compromiso, a conciencia dos de hoxe. A Terra Chá e Trasalba son hoxe dous nós vitais dunha mesma rede entramda que garante que, ante as pragas do esquecemento ou a seca da identidade, Galicia responda como un organismo vivo, social e indestructible, onde a cooperación das ideas prima sobre a competencia dos egos.

 

Somos como somos, como pobo, como cultura. Nós somos eles, Otero e Villares, e así somos e seremos, polos séculos dos séculos, neste bosque animado, baixo a sombra da sobreira de Balboa, o castiñeiro de Pumbariños, o carballo de Padroso, a oliveira de Vigo, as plantas dos xardíns de A Coruña ou a protección de todas as camelias, mentres renace o carballo das Cen Polas alá ao carón do Pazo de Reboraina, na Redondela tan de don Ramón, tan miña. A roca segue a fiar.

O fío de liño entre Trasalba e a Terra Chá, entre Otero Pedrayo e Ramón Villares
Comentarios