sábado. 20.04.2024

“O  enfoque integral do deportista de alta intensidade nun balneario” é o tema do seminario que terá lugar  este venres e sábado -1 e 2 de outubro- no Balneario de Laias, Ourense. A xornada oriéntase a futuros médicos e está promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia.

A actividade será dirixida por Dolores Fernández Marcos, coordinadora da Cátedra, médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria Termal, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias (Cenlle) e Lobios. A facultativa sinala que “a contribución da balneoterapia no mantemento da saúde do deportista, que durante longos períodos de tempo está concentrado para adestrar co seu equipo e preparar as competicións, fundaméntase en catro piares: a recuperación, a adaptación funcional, o tratamento da dor e a adaptación psico-social”.

A balneoterapia incide na recuperación, na adaptación funcional, no tratamento da dor e na adaptación psico-social durante as concentracións cos seus equipos.

En primeiro lugar, as terapias hidrolóxicas axudan á recuperación de lesións derivadas dos micro traumatismos, inflamacións e tensións que se producen nas cadeas  músculo-tendinosas especificas para conseguir potencia e rapidez. Ademais, un dos obxectivos fundamentais das tempadas de concentración é aumentar o rendemento sen prexudicar a saúde, e neste sentido os tratamentos termais facilitan a adaptación músculo esquelética, que debe ser progresiva e controlada.

En terceiro lugar, reducen a dor derivada da sobrecarga muscular, do desequilibrio  electrolítico e da maior intensidade e frecuencia do traballo, situacións todas elas que se orixinan durante os adestramentos. E, non menos relevante, a balneoterapia facilita a adaptación psico-social nos períodos longos de concentración nos que o equipo é a familia do deportista, sendo importante atopar nesas circunstancias o equilibrio e a resiliencia necesarios para chegar á competición cunha actitude serena e confiada.

SESIÓNS PRÁCTICAS

As xornadas comezan este venres 1 de outubro pola tarde coa intervención do médico de familia Alberto Fernández Martínez, que tratará sobre os métodos de avaliación médica do deportista de alta intensidade. Posteriormente, os estudantes do último curso de Medicina farán unha visita polas instalacións do centro e finalmente participarán nunha sesión práctica de técnicas e tratamentos -bañeiras, chorros, chorros lumbares e ducha circular-.

Na mañá do sábado 2 a doutora Dolores Fernández Marcos abordará as aportacións da balneoterapia ao deporte de alta intensidade e, a continuación, celebrarase unha sesión práctica sobre hidrocinesiterapia en piscinas. Neste tipo de tratamento médico, o paciente realiza exercicios dentro da auga e, grazas ás propiedades térmicas e mecánicas do medio acuático, pode obter melloras nas súas doenzas musculares, articulares e incluso en lesións neurolóxicas.  

Os tratamentos termais na saúde do deportista de alta intensidade