A Universidade do Minho (UMinho) volve reafirmar o seu liderado en sustentabilidade ao situarse como a mellor institución portuguesa e a 148ª do mundo no UI GreenMetric World University Rankings 2025, cuxos resultados se fixeron públicos hoxe. O prestixioso ranking avaliou este ano a actuación ambiental de 1745 universidades de 105 países, valorando criterios como infraestruturas ecolóxicas, consumo enerxético, mobilidade, xestión de residuos, uso da auga e ensino e investigación en sustentabilidade.
Liderado nacional desde 2017
A UMinho mantén a súa posición como líder en Portugal desde 2017, ano en que entrou por primeira vez nesta clasificación. Na edición de 2025 destaca especialmente pola súa eficiencia no uso e tratamento de augas, pola xestión de residuos e polo seu compromiso coa educación e investigación en materia ambiental.
O pódio mundial da clasificación está encabezado pola Wageningen University (Países Baixos), seguida pola University College Cork (Irlanda) e a Nottingham Trent University (Reino Unido).
Sustentabilidade como sinal de identidade
Segundo a institución, estes resultados reflicten que a sustentabilidade ambiental é unha marca identitaria da UMinho e parte esencial dun compromiso estratéxico que busca construír unha comunidade universitaria “máis saudable, vibrante e participativa”.
O informe evidencia tamén o esforzo da universidade por promover o desenvolvemento sustentable a través do ensino, da investigación e da transferencia de coñecemento, así como mediante prácticas internas, políticas e procedementos orientados á protección ambiental.
