A Eurocidade Tui-Valença acollerá o IV Encontro Ibérico Audi con máis de cen participantes
A Eurocidade Tui-Valença será o escenario elixido para o IV Encontro Ibérico Audi, que se celebrará o vindeiro sábado, 2 de agosto. Organizado por PRC Vigo Audisport - Club Audi Galicia, este evento prevé reunir a máis dun centenar de afeccionados e entusiastas da marca Audi, tanto de España como de Portugal. A organización destacou o atractivo turístico das dúas cidades e a súa situación estratéxica como factores clave para a súa elección.
Unha xornada entre Tui, Valença e Cerveira
O encontro ofrecerá unha oportunidade única para compartir a paixón polos vehículos Audi, intercambiar experiencias e gozar dun ambiente festivo que incluirá a gastronomía local.
O programa comezará ás 11:00h coa recepción dos participantes no céntrico Paseo da Corredoira de Tui, onde se poderán admirar os vehículos expostos, xunto cos coches oficiais e dos colaboradores.
Ás 12:30h está prevista unha visita guiada polo conxunto histórico de Tui, permitindo aos participantes coñecer o seu rico patrimonio histórico, artístico e natural.
Tras o xantar nun restaurante tudense, a xornada continuará cunha ruta de vehículos que os levará a cruzar a vella Ponte Internacional cara a Valença, onde os participantes poderán admirar a súa icónica Fortaleza. O percorrido seguirá até Vila Nova de Cerveira, regresando despois a Galicia pola Ponte Internacional cara a Goián, onde a xornada se pechará no Espazo Fortaleza, á beira do río Miño, nun ambiente de festa e confraternidade.
Apoio institucional á iniciativa
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Câmara Municipal de Valença, José Carpinteira, mantiveron un encontro con Omar Cambeiro (presidente) e Ángel Rodríguez (vicepresidente) do club organizador para ultimar os detalles deste Encontro Ibérico. Ambos rexedores mostraron o seu apoio a unha iniciativa que non só promove o turismo, senón que tamén reforza os lazos de colaboración entre Tui e Valença.
Unha cita ineludible para os amantes de Audi e para quen queira gozar dunha xornada diferente na Eurocidade!