jueves. 28.03.2024

O director do Igape, Juan Cividanes, e o presidente da Asociación Intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE), José Ramón Caldas, participaron esta mañá nun encontro con pemes e autónomos de Pontevedra, organizado por APE-Galicia, no que informaron das novas liñas de axudas postas en marcha pola Xunta dirixidas a estes colectivos para facilitar a súa reactivación e impulsar a dinamización económica dos diferentes sectores produtivos e a protección da saúde de clientes e traballadores.

O director do Igape destacou que os novos programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros achegan apoios de ata 3000 euros para facilitar á volta á actividade dos sectores do comercio, o turismo, os servizos e o transporte, en condicións de confianza para os consumidores. Lembrou, ademais, que mediante unha tramitación rápida e sinxela autónomos, pemes e entidades de economía social poden solicitar os apoios ata o vindeiro 31 de xullo.

Os dous programas serven tanto para atender aos gastos das medidas que se implanten agora como as xa realizadas desde a declaración do estado de alarma, e cobren os investimentos realizados para a adquisición de equipos de protección individual e de desinfección; a adaptación dos espazos con equipamento de seguridade e redución do contacto entre persoas; a realización das obras de renovación, limpeza e ventilación do aire; e a posta á disposición dos clientes de información relativa ás medidas hixiénicas e de protección.

AXUDAS A DIXITALIZACÓN

Cividanes informou, tamén da publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), das axudas á dixitalización, que se poden solicitar a partir de mañá. Cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), a Xunta destina 5,4 millóns de euros co obxectivo de facilitar a modernización e mellora da competitividade das empresas a través da interconexión dixital entre compañías vinculadas pola súa actividade e a dixitalización de procesos produtivos, ao tempo que se impulsa a xeración de iniciativas de colaboración.

Impulsando proxectos colectivos e individuais, os apoios desta liña poden acadar o 20% dos investimentos realizados por medianas empresas e o 30% no caso das empresas pequenas. Os gastos de colaboracións externas recibirán un 50% de apoio. Esta iniciativa inclúe unha subliña que impulsa a realización de cursos de dixitalización, que incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos. Estes espazos están financiados ao 100%.

O CHEQUE DE AUTÓNOMOS

Cividanes, por último, referiuse ao Cheque Autónomo, o novo programa cuxas axudas poden solicitarse a partir de hoxe e co que se pretende favorecer a consolidación dun emprego autónomo estable e de calidade. O prazo de solicitude é dun mes.

As axudas que achega esta iniciativa prevén anticipos do 100% e cubrirán os gastos realizados desde a declaración do estado de alarma ata o 31 de decembro deste ano.

O Cheque Autónomo ofrece financiamento do 100%, ata un límite de 1800 euros, do custo de determinados gastos correntes, como loxística e transporte de envíos (ata 3€ por envío); o pago por estar nunha plataforma de e-commerce local; o pago por licenza de uso de software de venda online; promoción en redes sociais; gastos correntes de seguridade motivados pola covid-19, entre os que se encontran os gastos en máscaras, guantes, desinfectante, limpeza, biombos e asesoramento en prevención de riscos laborais; e os gastos de subministracións e telecomunicacións.

Estas iniciativas forman parte do Plan de reactivación económica co que a Xunta busca a dinamización dos sectores económicos e a creación de emprego cunha ampla cobertura aos sectores que máis o precisan.

Os novos programas Reactiva Comercio e Servizos Seguros achegan apoios de ata 3000...