viernes. 03.05.2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Vigo nun networking con empresas da zona para presentar o mapa de axudas da Xunta de Galicia. Nel destacou que os datos de exportacións e de creación de empresas demostran que a actividade da economía galega segue avanzando.

Conde puxo en valor o esforzo do tecido empresarial, grazas ao que Galicia volveu marcar un récord histórico de vendas ao exterior en 2022 con 29.886 millóns de euros, un 18,3% máis que en 2021. En Pontevedra a suba foi do 8,3%. En canto á creación de empresas en 2023, Galicia rexistrou un 6,49% máis en xaneiro deste ano que no de 2022, mentres que a suba na provincia de Pontevedra foi do 30% e do 50% no caso de Vigo e a súa área.

Para continuar neste camiño, a Xunta está traballando para acompañar ás empresas e fomentar a colaboración público-privada. Así, destacou que no marco da axenda industrial para a Galicia do 2030 estanse apoiando os sectores estratéxicos, como o naval, a través da oficina Conecta Naval, da man con Pymar; a automoción -pendente dunha segunda convocatoria do Perte do vehículo eléctrico e conectado-, o biotecnolóxico -con proxectos como os de Lonza e Zendal na área de Vigo ou Indukern en Monforte de Lemos- e o aeronáutico no que, a través do Polo Aeroespacial de Galicia, están colaborando 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo.

O vicepresidente económico explicou que, co obxectivo de captar investimentos, Galicia conta coa Lei de simplificación administrativa con medidas como os proxectos industriais estratéxicos, as iniciativas empresariais prioritarias ou os proxectos de interese autonómico; a Oficina Galicia Empresa; ou a sociedade público-privada Impulsa Galicia que busca consolidar os proxectos industriais con interese por implantarse na Comunidade.

Conde fixo fincapé na oportunidade que supón a innovación para que pemes e microempresas poidan avanzar neste contexto de transición enerxética e dixital. Neste sentido, lembrou a rede de aceleradoras galegas, como a Business Factory Auto na área de Vigo; a Axenda Startups 2022-2024, ou o Bono de innovación, que conta cun millón de euros para que pemes e autónomos poidan contratar servizos externos, de tramitación ou proxectos de deseño.

Exportacións e creación de empresas en Galicia
Comentarios