sábado. 20.04.2024

A Xunta vén de abrir o prazo de solicitude para as axudas coas que se apoiará o emprego de 3200 traballadores con discapacidade dos centros especiais de Galicia. Deste xeito, a Administración autonómica mantén o seu compromiso coa economía social para que Galicia poda seguir desenvolvendo un modelo centrado nas persoas, integrador e que proporciona emprego de calidade.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria do programa ao que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 17,2M€ para apoiar aos 110 centros especiais de emprego na Comunidade. A iniciativa permite apoiar a creación, ampliación, continuidade e adaptación dos postos de traballo, así como o mantemento do custo salarial dos seus traballadores e a contratación de unidades de apoio.

O obxectivo principal destas axudas é promover a integración laboral deste colectivo. De feito, a nova convocatoria inclúe tres programas: cun millón de euros financiarase os custos salariais e de Seguridade Social derivados da contratación indefinida de 82 profesionais para unidades de apoio en 30 centros de traballo, que se prevé que atendan a 535 persoas con discapacidade con especiais dificultades de inserción laboral. Neste caso, a contía das axudas será como máximo de 2400 euros anuais por cada traballador con discapacidade atendido pola unidade de apoio.

O segundo plan, cun millón de euros de investimento, está dirixido á creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos de traballo nos centros especiais de emprego de iniciativa social. A Xunta estima axudar a 13 entidades na xeración de 40 postos de traballo indefinidos. A contía da axuda será de 12.000 euros por posto creado a xornada completa, que se pode incrementar con incentivos acumulables do 25% en colectivos como mulleres, persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social, maiores de 45 anos, emigrantes retornados ou centros de traballo emprazados no rural. Deste xeito, os apoios poderán alcanzar os 30.000 euros.

Este programa tamén inclúe apoios para a adaptación de postos de traballo e a eliminación de barreiras arquitectónicas con axudas de 2000 euros por posto adaptado. Así mesmo, concederanse axudas para financiar asistencias técnicas que sexan necesarias para a creación, mantemento e mellora dos centros especiais de emprego. Entre outros, financiarase a contratación de persoal de dirección, os traballos necesarios para a obtención de certificados de calidade, estudos de viabilidade, organización e comercialización, asesoramento, auditorías e informes económicos. As contías oscilarán entre os 2000 e os 15.000 euros.

A terceira das iniciativas está dirixida ao mantemento do custo salarial de 3200 traballadores dos 110 centros especiais. A axuda para este ano será de 6650 euros por traballador contratado a xornada completa, incrementándose ata os 7980 euros anuais para aqueles con especiais dificultades de inserción laboral.

ERTES

Esta convocatoria introduce como novidade medidas excepcionais para a concesión das axudas e a tramitación dos pagamentos anticipados no caso de expedientes de regulación de emprego temporal (Ertes) derivados da pandemia da covid-19. Así, en todos os programas, o feito de que a persoa pola que se solicita a axuda estea afectada por un Erte non impide a concesión do apoio.

Nas axudas para financiar ás unidades de apoio, o tempo de suspensión dos contratos ou redución de xornada das persoas atendidas terase en conta como tempo traballado; e no programa para a creación, ampliación, mantemento e adaptación de postos, o tempo de suspensión dos contratos non se computará para determinar o período máximo subvencionable.

A medida enmárcase na nova Axenda de Emprego, que promove a integración laboral e calidade no traballo das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Axudas de apoio ao emprego de 3.200 traballadores con discapacidade