jueves. 02.05.2024
O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- vai acoller un encontro empresarial centrado na economía circular, promovido polo Círculo de Empresarios de Galicia, co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración de Viratec - Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular. Celebrarase mañá mércores, 28 de setembro, entre as 10.00 e as 12.00 horas, baixo o lema “La Economía del futuro es Circular”. Tecnópole ampara este evento en consonancia coa súa filosofía de aliñarse cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) de Nacións Unidas.

Esta iniciativa diríxese a empresas vencelladas ou interesadas en aspectos como o aforro enerxético, o autoconsumo, a responsabilidade social corporativa e a economía circular. Durante o encontro abordarase a economía circular como motor de innovación e sostibilidade. Preséntase como o modelo económico do futuro por terse convertido nunha das solucións máis eficaces para garantir o desenvolvemento sustentable.

En liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, Europa aspira a ser líder mundial neste escenario cun ambicioso compromiso para reducir os residuos enviados aos vertedoiros nun 90% e reciclar o 75% dos envases para 2030. España tamén se aliñou con esta formulación e definiu a Estratexia Española de Economía Circular (EEEC), coñecida como España Circular 2030. Céntrase nos seis sectores prioritarios de actividade económica: construción, agroalimentario, pesqueiro e forestal, industrial, bens de consumo, turismo e téxtil e confección.

A transformación dos actuais modelos de negocio e de produción cara a outros completamente circulares supón en moitos casos cambios substanciais en todas as etapas de producción, desde o deseño dos produtos e servizos ata a relación cos provedores e clientes. Así, no transcurso deste encontro abordaranse os factores que están a impulsar esta tendencia na industria, como se está a afrontar e que estratexias se poden poñer en marcha neste eido.

No evento participarán Fernando Guldrís, director xeral do Igape; Marcelino Otero, coordinador do “Foro do contorno e medioambiente” do Círculo de Empresarios de Galicia; e Marcos Martín, presidente de Viratec. As empresas interesadas en asistir poden inscribirse en https://circulo.gal/categorias/economia-futuro-circular/.

A economía circular
Comentarios