A pintura será protagonista o próximo 11 de setembro, ás 19.00 horas, na Casa Museo Genia Trigo de Gundivós, en Sober. O espazo acollerá a inauguración dunha mostra formada por obras pictóricas realizadas polos alumnos de Modesto Trigo, que permanecerá aberta ao público ata o día 18.
A exposición permitirá achegarse non só ao resultado final de cada cadro, senón tamén ao proceso de aprendizaxe que hai detrás: horas de traballo, procura dunha técnica propia, esforzo e, sobre todo, a ilusión por avanzar no mundo da pintura baixo o maxisterio dun creador cunha longa traxectoria artística.
A visita ofrece ademais a posibilidade de percorrer un espazo singular. A Casa Museo alberga unha colección etnográfica concibida como homenaxe á identidade, aos oficios tradicionais e á riqueza cultural da zona. Ao longo das súas estancias, o visitante poderá atopar tamén obras do propio Modesto Trigo, integradas nos diferentes recunchos da casa.
O regreso á terra
A historia do proxecto está estreitamente vinculada á propia traxectoria do pintor. Despois dunha longa etapa afincado en Madrid, Modesto Trigo decidiu regresar a Galicia e impulsar en Gundivós un lugar no que conflúen creación artística, ensino e recuperación da memoria popular.
A Casa Museo converteuse así nun espazo didáctico e cultural no que os antigos oficios dialogan coa pintura contemporánea y onde o artista mantén tamén o seu estudo.
Ese regreso permite igualmente achegarse ao hiperrealismo característico da súa obra, coñecer de preto o seu proceso creativo e descubrir como do estudo e da convivencia arredor da pintura van xurdindo tamén novos creadores.
A exposición dos seus alumnos introduce agora outra dimensión nese proxecto: a transmisión do coñecemento artístico. Durante unha semana, as paredes da Casa Museo mostrarán o resultado dese encontro entre mestre e discípulos.
Do 11 ao 18 de setembro, Gundivós propón así unha visita na que pintura, patrimonio etnográfico e memoria rural comparten un mesmo escenario.
