lunes. 30.03.2026

A Xunta de Galicia vén de reabrir ao tráfico os dous carrís da AG-57 ao seu paso por Gondomar co obxectivo de favorecer unha maior fluidez da circulación durante a Semana Santa, un período no que se incrementa notablemente o volume de vehículos nesta vía do Val Miñor.

As obras de reparación e estabilización do noiro continúan avanzando, tras completarse xa os traballos de bulonado e de gunitado, técnicas empregadas para reforzar a estrutura do terreo e garantir a súa seguridade. Estas actuacións resultaron clave para consolidar a zona afectada polos desprendementos rexistrados durante os temporais deste ano.

Segundo a planificación técnica, os traballos retomaranse o vindeiro luns 6 de abril, cando se iniciarán as tarefas de perforación para a execución de drenes californianos. Esta fase obrigará de novo a establecer restricións de tráfico, cun corte dun dos carrís en sentido Baiona por motivos de seguridade.

Cómpre lembrar que o desprendemento non chegou a afectar directamente á calzada, mais a presenza de material inestable na parte superior do noiro levou a adoptar medidas preventivas para evitar riscos aos usuarios da vía.

O investimento total previsto para esta intervención ascende a preto de 110.000 euros, nunha actuación destinada a garantir a estabilidade do terreo e a seguridade da circulación nunha das principais vías de comunicación da comarca.

A Xunta reabre os dous carrís da AG-57 en Gondomar para facilitar o tráfico en Semana...
Comentarios