O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou a segunda edición do Bono Emancípate, cuxa convocatoria se publicará este luns no Diario Oficial de Galicia, cun orzamento de 3 millóns de euros e o obxectivo de facilitar os primeiros gastos de quen dá o paso cara á independencia.
López Campos explicou que a iniciativa busca “seguir acompañando á mocidade nos seus proxectos de vida” e ampliar o alcance das axudas, tras beneficiar a máis de 1.000 persoas na primeira edición. Nunha visita realizada xunto á directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, a unha moza compostelá que recibiu a achega en 2025, destacou o éxito da convocatoria inicial, que rexistrou máis de 3.700 solicitudes.
A Xunta incrementa este ano en un millón de euros o orzamento da medida —ata acadar os 3 millóns— co fin de colaborar na emancipación “doutra maneira”, cubrindo os primeiros gastos do fogar e complementando as políticas autonómicas de vivenda.
As axudas están orientadas a sufragar a compra de mobiliario e artigos básicos para a vivenda, como decoración, obxectos do baño, menaxe de cociña, téxtil ou determinados electrodomésticos esenciais. No caso visitado, a beneficiaria recibiu 1.500 euros para iniciar o acondicionamento do seu piso en réxime de alugueiro.
A convocatoria estará dirixida a persoas menores de 36 anos que cumpran cos requisitos recollidos nas bases. Poderá solicitarse tanto para vivenda en alugueiro, con axudas de 1.500 euros, como para vivenda en propiedade, cun importe de 3.000 euros.
Unha vez concedidas, as achegas faranse efectivas mediante unha tarxeta moedeiro virtual, que só poderá empregarse en compras en comercios físicos de Galicia, co obxectivo de apoiar tamén ao tecido comercial galego.
