viernes. 06.12.2024

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé, acudiu por primeira vez á Comisión 7ª do Parlamento para dar conta dos proxectos de aldeas modelo que hai na Comunidade galega. Así, salientou que a día de hoxe están postos en marcha un total de 44 iniciativas, que se atopan en diferentes etapas ou fases de execución.

Neste senso, salientou que xa están declaradas como aldeas modelo un total de 12 proxectos, dos cales tres están en fase de finalización de execución. Estes son os de Osmo (Cenlle), aldea destinada á produción de porco celta en ecolóxico que estará finalizada neste mes de outubro; e as de Trascastro (O Incio) e Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), aldeas que se destinarán á produción de vacún de carne autóctono en ecolóxico e estarán finalizadas a finais deste ano.

No canto dos outros nove proxectos xa declarados, explicou a directora xeral, nestes xa se completou o proceso de desbroce e limpeza en todo o seu perímetro, agás na aldea de Meixide (A Veiga) por decretarse aínda o pasado 22 de setembro. Así, Inés Santé explicou que nestas aldeas as actuacións de prevención fronte ao risco de incendios están xa finalizadas. Nestas iniciativas, sinalou, procederase a introducir cabras ou ovellas en pastoreo co fin de garantir o mantemento preventivo destes perímetros dun xeito natural, ecolóxico e, ademais, produtivo.

Doutra banda, Inés Santé sinalou que dos 32 proxectos restantes, nove están en fase de recollida de sinaturas, un requisito imprescindible para a declaración dun aldea modelo; e as outras 23 están en fases iniciais, é dicir, en fase de estudo previo ou de determinación de perímetro.

Neste contexto, a directora xeral destacou a firme prioridade que ten a Xunta para recuperar e poñer en valor o rural galego, impulsando medidas legais (como a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia) e actuacións concretas e tanxibles como son os diferentes instrumentos de mobilización de terras, para os que hai un orzamento de 4,5 millóns de euros en 2020, entre os que están as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou o reforzo aos procesos de reestruturación parcelaria.

MERCADOS LOCAIS

Noutra orde de cousas, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, deu conta da actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural para apoiar aos pequenos produtores e mercados locais durante e despois da emerxencia sanitaria.

Así, tras lembrar que foi o Goberno central quen prohibiu a actividade deste tipo de mercados de proximidade a través dun Real Decreto, Balseiros sinalou que a Xunta asumiu a normativa estatal de obrigado cumprimento e, namentres, definiu un protocolo de reapertura dentro da nova situación sanitaria, co fin de estar preparados cando se retomase a actividade nestes mercados.

Ademais, sendo conscientes da situación que estaban padecendo os pequenos produtores debido ao peche das súas canles principais de comercialización (Horeca e os propios mercados locais), a Consellería creou a canle alternativa Mercaproximidade, para dar saída aos produtos destes profesionais e poñelos en contacto coas grandes distribuidoras. Neste senso, Balseiros sinalou que, a día de hoxe, Mercaproximidade ten máis de 200 provedores que abranguen case 650 produtos distintos e arredor de 450 pequenos produtores.

Doutra banda, comentou o director xeral, puxéronse indicativos nos puntos de venda dos supermercados e hipermercados co cancelo “Vou de Superfeirón” para visibilizar os produtos adquiridos a través de Mercaproximidade. Polo tanto, asegurou Balseiros, a Consellería traballou desde o primeiro momento para que os pequenos produtores se viran o menos afectados posible. Cabe mencionar que esta canle alternativa permanece activa e permite diversificar as oportunidades de venda dos produtores que así o desexan, pois o rexistro en Mercaproximidade é voluntario.

Un total de 44 proxectos de aldeas modelo en Galicia