O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, participaron esta mañá no acto de celebración do 40º aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Patrimonio da Humanidade por parte da UNESCO.
Durante a súa intervención, Merelles destacou a importancia dunha efeméride que recoñece a Santiago como “un lugar testemuño vivo da historia europea e símbolo de encontro entre pobos e culturas”, salientando a proxección internacional que este recoñecemento supón para Galicia.
“Prestixio, identidade e progreso” para Galicia
O director de Turismo subliñou que Galicia é “moi afortunada” por contar no seu territorio coa cidade de Compostela, un enclave que lle achega ao destino galego “prestixio, identidade, conservación, progreso e presenza internacional”.
Merelles lembrou que Santiago é unha das cidades máis visitadas de Galicia, converténdose nun motor económico e turístico clave para o desenvolvemento da comunidade. “É indubidable a fonte de riqueza que supón o turismo para a cidade de Santiago de Compostela”, apuntou.
Aposta por unha cidade máis sostible, accesible e protexida
O director de Turismo de Galicia apostou por seguir avanzando cara unha cidade que alcance maiores niveis de sustentabilidade, accesibilidade e conservación dun patrimonio “de valor incalculable” que garante o progreso e o benestar da cidadanía.
Neste sentido, recordou que a capital galega conta co apoio da Xunta en diversos proxectos nesta liña, coma a futura iluminación da Catedral, baseada na eficiencia enerxética e no respecto polo medio ambiente.
Un patrimonio monumental único
Merelles finalizou lembrando que “poucas cidades no mundo poden vangloriarse dunha historia e dun patrimonio monumental como o de Compostela”, resultado tamén da pegada deixada por séculos de peregrinos, artistas e visitantes que fixeron da cidade un espazo singular e universal.
