lunes. 20.05.2024

O programa de micromecenado 'Sumo Valor' da Universidade de Santiago, que conta co apoio do Consello Social da USC, busca implicar a empresas, entidades e á sociedade en xeral no financiamento de diversas actividades e proxectos, en especial das investigacións destinadas á loita contra a Covid-19. Co fin de impulsar a captación de fondos, a USC celebrou esta mañá un evento para presentar a evolución do programa ante representantes do tecido empresarial e social.

No acto participaron o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra; o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC, Gumersindo Feijoo; a directora adxunta do CiQUS, Dolores Pérez; o investigador do CiMUS Rubén Nogueiras; e a actriz María Mera, embaixadora de Sumo Valor. Contouse coa asistencia de representantes das principais entidades empresariais e sociais de Santiago e Lugo, entre elas a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, a Cámara de Comercio de Santiago, o Club Finaceiro de Santiago, a Confederación de Empresarios de Lugo, o Ateneo de Santiago, o Aeroclub de Santiago, a S.D. Compostela, Alumni USC, Compostela Solidaria; xunto a profesionais de diferentes sectores económicos.

Empresas e particulares poden apoiar o programa a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 € por ano, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa, https://www.usc.es/gl/usc/mecenado/sumo-valor, que vén de actualizarse para facilitar o proceso de doazón.

Dos máis de 350 doadores, 261 fixeron a súa doazón a proxectos Covid

O vicerreitor Gumersindo Feijoo indicou que “a finais de 2019, cando o programa botou a andar como unha iniciativa piloto, e ata marzo de 2020, a meirande parte das microdoazóns dirixíanse a actividades culturais e deportivas. A aparición da Covid-19 fixo que os investimentos en investigación pasasen a ocupar un rol protagonista”. Segundo os seus datos, “nestes intres, a captación de fondos rolda os 125.000 €, dos cales uns 70.000 € se destinaron á investigación contra a Covid-19. Dos máis de 350 doadores, 261 fixeron a súa doazón a proxectos Covid”. Sinalou que “a través deste proxecto buscamos pequenas cantidades, a idea é que participe o maior número de persoas con pequenas achegas”. Nesta liña, segundo informou, o que máis abundan son achegas de 50 e 200 euros por persoa.

Antonio López, reitor da USC: “O micromecenado ofrece incentivos fiscais moi vantaxosos”

O reitor da USC, Antonio López, explicou que “lanzamos este proxecto con dous obxectivos: achegarnos máis á sociedade e que a cidadanía poida aportar recursos para as actividades que realizamos”. En relación ao mecenado, afirmou que en España carecemos da cultura que existe nos países anglosaxóns, en particular nos Estados Unidos. Pero salientou que debemos aproveitar as oportunidades que ofrece o micromenado, con “incentivos fiscais moi vantaxosos”, posto que a partir de 150 € pódese recuperar a cantidade total doada.

O reitor apuntou que, no caso das empresas, estas doazóns tamén supoñen importantes bonificacións fiscais, a través de diferentes fórmulas como o caso dos convenios, colaborando por medio de achegas directas a un proxecto en concreto.

A importancia de colaborar coa nosa ciencia

A presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, dirixiuse aos representantes dos empresarios e da sociedade civil salientando que “o asunto que nos ocupa hoxe atínxenos e aféctanos a todos porque ten que ver co progreso da humanidade: a ciencia e a labor dos investigadores”. Nesta liña, manifestou que “a Universidade de Santiago conta con talento científico e grupos de investigación con gran capacidade tractora para atraer máis talento e novas vías de financiamento”. Por iso, desde o Consello Social quixemos sumarnos ao programa de micromecenado creado pola USC, para respaldar a tarefa dos nosos investigadores e, ao mesmo tempo, facer partícipe á sociedade propoñéndolle a súa colaboración. É un xeito de poñer o noso gran de area para así avanzar cara ao futuro que todos queremos”.

Sierra pediulles aos asistentes “colaboración coa nosa ciencia”. Referiuse ao feito de que “a responsabilidade social empresarial non é un concepto simple nin común a todas as compañías. É unha estratexia que cada firma lle dá o seu propio sentido. E hai moita acción social oculta ou anónima, pola propia vontade das nosas empresas”.

A dificultade que teñen os investigadores para lograr financiamento

No acto interviron taména directora adxunta do CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC-, Dolores Pérez, e o investigador do CiMUS -Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas- Rubén Nogueiras. Incidiron na importancia da investigación, relataron as súas vivencias como investigadores e a súa experiencia á hora de lograr financiamento.

Na súa intervención Nogueiras puxo de manifesto que “o gran desafío dun investigador é a loita diaria co financiamento, xa desde a etapa posdoutoral”. Así, referiuse ao feito de que España ten un PIB dedicado a ciencia que está moi por debaixo da maioría de países europeos e que apenas se incrementou nos últimos 15 anos. Tamén citou a “inconsistencia nas convocatorias de proxectos e nalgunhas convocatorias de recursos humanos, a existencia dunha carga burocrática elevadísima e un sistema inflexible na execución de gasto de proxectos”.

O investigador indicou que Santiago atópase no cumio europeo de investigación. “Calcúlase que desde 2011 os proxectos financiados polo European Research Council, que é un dos programas estrela para investigación da Unión Europea, deixaron na cidade sobre 26 millóns de euros, xerando máis de 120 postos de traballo directos”. E concluíu afirmando que “apostar pola investigación axuda á sociedade en xeral”.

Pola súa parte, Dolores Pérez corroborou que “o problema de conseguir financiamento é unha realidade coa que nos enfrontamos case todos os investigadores” e salientou que “é moi importante a colaboración coas empresas”. Nesta liña, lembrou que varios dos proxectos do CiQUS que están a traballar no desenvolvemento dunha vacina contra a Covid-19 lograron impulso grazas ao programa de micromecenado Sumo Valor da Universidade de Santiago, destacando o caso da vacina do equipo que lidera o profesor José Martínez Costas, que se atopa en fase preclínica en Alemaña e que levaba dous anos sen conseguir financiamento.

María Mera: “A investigación é fundamental para a Galicia do futuro”

No transcurso do acto María Mera recibiu de mans do reitor a acreditación que a recoñece como embaixadora do programa Sumo Valor. A actriz galega amosouse “encantada de poder colaborar”, aportando o seu “gran de area” nesta iniciativa. Apuntou que durante este tempo de pandemia reflexionou sobre o feito de que “a sociedade galega se sente moi orgullosa da nosa cultura, da nosa lingua, do noso deporte… pero non da nosa magnífica investigación nin dos nosos magníficos investigadores porque é algo que non se coñece o suficiente. Non obstante, a investigación é fundamental para a Galicia do futuro”. Fixo un chamamento para que “iniciativas como esta teñan máis presenza na sociedade, co fin de que as investigacións teñan os recursos necesarios, posto que os científicos usan o seu talento para conseguir un mundo mellor para todos”.

'Sumo Valor' recada 125.000 € para financiar a investigación