sábado. 27.04.2024

A RAGC recoñece a traxectoria de cinco científicas e científicos galegos das universidades coas Medallas de Investigación 2023

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas “Medallas de Investigación” a cinco científicas e científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo). Esta distinción, que cumpre a súa quinta edición, valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro mércores 4 de outubro no Pazo de Fonseca, en Santiago.  
jesus_salgado_©santi alvite
jesus_salgado_©santi alvite

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñece coas “Medallas de Investigación” a cinco científicas e científicos galegos en activo das universidades de Santiago de Compostela (USC), A Coruña (UDC) e Vigo (UVigo). Esta distinción, que cumpre a súa quinta edición, valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro mércores 4 de outubro no Pazo de Fonseca, en Santiago.  

David Posada, premiado en Bioloxía e Ciencias da Saúde

David Posada González (Vigo, 1971) recibe a medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC. É catedrático de Xenética na Universidade de Vigo. Formouse en Galicia, Estados Unidos e no Reino Unido; traballou no Centro de Investigación do Cancro do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. As súas liñas de investigación enmárcanse no campo da evolución molecular e a bioloxía computacional. Destacan os seus achados para a reconstrución de árbores filoxenéticas a través de ferramentas bioinformáticas; así como os seus estudos sobre a orixe e evolución do VIH, virus causante da SIDA. Desde hai uns anos céntrase no estudo da evolución xenómica do cancro, para o que abriu en 2015 un laboratorio específico destinado á secuenciación de xenomas de células humanas individuais a partir de biopsias tumorais no Centro de Investigacións en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da UVigo. Durante a pandemia da COVID-19 promoveu a creación dun consorcio cas tres universidades e os sete grandes hospitais galegos para a monitorización da evolución xenómica do SARS-CoV-2 en Galicia. É coautor de dúas patentes sobre marcadores xenéticos de centola. Cómpre destacar que é o único español cun artigo entre os 100 máis citados da historia da ciencia.

Ricardo Cao Abad. Medalla SEIO-FBBVA 2022. Centro de Investigación en Tecnologías de la Información y las Comunicaciones (CITIC) Campus de Elviña -A Coruña.
Ricardo Cao Abad. Medalla SEIO-FBBVA 2022. Centro de Investigación en Tecnologías de la Información y las Comunicaciones (CITIC) Campus de Elviña -A Coruña.

“É un orgullo recibir un premio dunha academia galega. A ciencia nunca se fai soa, por iso representa un recoñecemento ao labor de todo un equipo de persoas que me acompañaron ao longo destes anos. É unha distinción para os membros do meu laboratorio e para toda a xente da que fun aprendendo neste tempo” -manifesta-.

Jesús Salgado, premiado en Ciencias Económicas e Sociais

A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais, destaca a traxectoria de Jesús F. Salgado Velo (Ferrol, 1958), catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC. O tema central das súas investigacións nos últimos 25 anos é a análise da validez dos instrumentos de selección de recursos humanos en Europa para predicir o desempeño ocupacional, centrándose na predición e a explicación dos comportamentos laborais. A nivel aplicado, destacan as súas investigacións sobre as entrevistas de selección de persoal. Os seus traballos publicáronse nas revistas internacionais máis prestixiosas desta especialidade, situándose no posto 34 dos autores máis citados da súa disciplina no mundo. As súas contribucións foron recoñecidas con dous nomeamentos Fellow, máximas distincións da Asociación Americana de Psicoloxía e da Asociación Internacional de Psicoloxía Aplicada, as dúas organizacións máis relevantes no ámbito da Psicoloxía.

Fernando Obelleiro.
Fernando Obelleiro.

“Este é un premio para toda a investigación que se fai en Galicia no eido da Psicoloxía do Traballo e dos Recursos Humanos, un recoñecemento a este disciplina, á Universidade de Santiago por apoiarnos no desenvolvemento dos nosos programas de investigación e a todo un equipo consolidado ao longo de 30 anos” -sinala-.

Fernando Obelleiro, recoñecido no campo das Ciencias Técnicas

O catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo Fernando Obelleiro Basteiro (Focarei-Pontevedra, 1968) foi o elixido pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Co seu equipo desenvolveu un método no campo do electromagnetismo computacional que supuxo un cambio na dirección das investigacións neste eido. As súas contribucións científicas están a ter aplicación na industria, en particular nos sectores de telecomunicacións, naval, aeroespacial e defensa. Mantén unha estreita colaboración con Navantia e a Armada Española, introducindo importantes melloras nos buques militares desde o punto de vista do electromagnetismo computacional, axudando ademais a maximizar as probabilidades de supervivencia nos buques en escenarios hostís.

David Posada.
David Posada.

“É unha honra recibir da RAGC esta distinción, importante para o grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas, para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o Centro de Investigación AtlanTTic e a Universidade de Vigo. Esta medalla non é un mérito individual, senón o premio á traxectoria investigadora que compartín cos membros do meu grupo de investigación, compañeiros e colaboradores cos que fixen o camiño e aos que traslado o meu agradecemento. Sei que isto nos servirá de estímulo para seguir desenvolvendo o noso traballo coa mesma paixón que mantivemos todos estes anos” -destaca-.

Ricardo Cao, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

A medalla Enrique Vidal Abascal, da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, correspóndelle ao catedrático de Estatística e Investigación Operativa na Universidade da Coruña Ricardo Cao Abad (A Coruña, 1965). A Academia recoñece a aplicación dos seus traballos en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira. Ten desenvolto unha intensa actividade en consultaría estatística en ciencias da saúde, no contexto da enxeñaría naval, no sector comercial e na industria. Desde marzo de 2020 preside o comité de expertos da Acción Matemática contra el Coronavirus, creado polo Comité Español de Matemáticas. Foi nominado Fellow do Instituto de Estatística Matemática e galardoado coa Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa. Na actualidade lidera un proxecto do Instituto Nacional de Estadística (INE) para a mellora do procesamento de datos. 

Aurora Grandal.
Aurora Grandal.

“Síntome moi honrado de recibir unha distinción que leva o nome de Enrique Vidal Abascal, todo un referente no campo das Matemáticas. Quero ampliar este recoñecemento a todos os investigadores e investigadoras que traballan no eido da Estatística na nosa comunidade porque son moitas as persoas dedicadas a esta tarefa nas tres universidades galegas”           -salienta Ricardo Cao-.

Aurora Grandal, medalla na sección de Química e Xeoloxía

Aurora Grandal d´Anglade (Ferrol, 1964) recibe a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. Doutora en Bioloxía da UDC, dirixe o Instituto Universitario de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal", onde creou o Laboratorio de Paleontoloxía Molecular, pioneiro no territorio nacional. Tamén puxo en marcha un laboratorio específico de ADN antigo, único en Galicia. Céntrase no estudo dos mamíferos fósiles dos xacementos galegos desde diferentes enfoques. Dirixiu as campañas de escavación nos xacementos paleontolóxicos de Cova Eirós, Liñares e Pala do Rebolal; así como numerosas campañas de recuperación de restos óseos en covas do Courel e Mondoñedo. Trátase das primeiras -e únicas ata agora- escavacións paleontolóxicas realizadas en Galicia e desde a universidade galega. Destaca o seu estudo interdisciplinar de Elba, a muller mesolítica de Galicia, o resto humano máis antigo atopado na nosa comunidade.

“A miña traxectoria científica sempre tivo como meta o desenvolvemento dos estudos de Paleontoloxía de Vertebrados en Galicia. Neste campo, practicamente inexplorado ata o comezo dos meus traballos, tratei de innovar e aplicar as técnicas máis avanzadas como son a bioxeoquímica ou a paleontoloxía molecular. O meu compromiso persoal foi  facelo desde Galicia. Este premio representa o recoñecemento e o apoio da comunidade científica galega a unha liña de investigación pouco coñecida. Por iso estou moi agradecida e ilusionada co que aínda está por vir" -resalta-.

 

A RAGC recoñece a traxectoria de cinco científicas e científicos galegos das...
Comentarios