martes. 07.05.2024

'Entre viñas e viños no Val do Rosal’ recolle a historia do viño e as características das vides

O libro ‘Entre viñas e viños no Val do Rosal’ é un proxecto posto en marcha polo Concello que recolle de xeito ameno e divertido os segredos do viño que nace no municipio.
A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, o ilustrador Xosé Tomás e a historiadora Sara Quintana presentaron o libro ‘Entre viñas e viños no val do Rosal’.
A alcaldesa Ánxela Fernández Callís, o ilustrador Xosé Tomás e a historiadora Sara Quintana presentaron o libro ‘Entre viñas e viños no val do Rosal’.

As viñas, o viño e o sector vitivinícola son para O Rosal parte da súa identidade, orixe, tradición, historia, cultura e orgullo. Séculos de inquedanzas e traballo recollidos agora no libro ‘Entre viñas e viños no Val do Rosal’, un proxecto posto en marcha polo Concello que recolle de xeito ameno e divertido os segredos do viño que nace no municipio. A primeira edición deste libro foi presentado no auditorio municipal pola alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, xunto aos seus autores, o ilustrador Xosé Tomás e a historiadora Sara Quintana.

“Detrás da elaboración do viño rosaleiro atópase a maxia do noso microclima e o traballo de moitas persoas. Achegamos calidade do produto, emprego, exportación arredor do mundo e un futuro no que acreditamos avanzar da man da innovación tecnolóxica, na senda da sostibilidade ambiental que demanda a propia sociedade”, destacou Fernández Callís. No encontro, a rexedora quixo facer un especial agradecemento “a todas as persoas que traballaron e traballan arreo, con delicadeza e profesionalidade neste sector: adegas, traballadores e traballadoras, profesionais, veciños e veciñas, todas vós sodes parte deste libriño feito con moita ilusión, cariño, estudo, análise e memoria”.

Case un ano de traballo man a man entre ilustrador e historiadora que deron vida a unha fermosa peza na que, como relata o propio Xosé Tomás, tivo en conta “as imaxes de referencia que me ía proporcionando Sara Quintana para tratar de cinguirme á realidade o máis posible, tanto nos tipos de uvas, como nas enfermidades da vide, nas ferramentas, utensilios e profesións...”

O resultado é unha publicación dedicada a público xeral, aínda que “especialmente pensada para que sexa utilizada por nenos e nenas para que coñezan un sector tan importante na súa contorna. É un libriño moi manexable no que tratamos de condensar toda a información e facela accesible para todo o mundo grazas a unhas ilustracións que moitas veces contan unha historia por si mesmas, sen necesidade de apoiarse nos textos”, como destaca Sara Quintana.

O libro fai un intenso percorrido pola historia do viño a través de dous apartados ben diferenciados. Nunha primeira parte abórdase toda a historia do viño, dende cando se cre que foron as súas orixes ata a actualidade seguindo unha orde cronolóxica, “achegando datos moi concretos e incluíndo elementos como curiosidades, anécdotas e unha morea de detalles que fan a lectura máis sinxela e amena”.

Na segunda parte, ilustrador e historiadora céntranse na vide e na viña, detallando de forma significativa procesos como o ciclo da vide, a vendima, o que pasa dentro dunha bodega, as diferenzas entre o viño branco e tinto e un apartado sobre as catas, cunha pequena guía para saber os pasos que se deben seguir ao probar un viño. Non podía faltar no libro unha parte dedicada ao enoturismo, “un sector que cada vez ten máis importancia nesta zona”, e a unha das festas máis importantes do concello, a Feira do Viño do Rosal.

As persoas interesadas en obter o libro en formato físico xa poden mercalo a un prezo de 7 euros en dependencias do Concello. Ademais, estará en formato dixital na web municipal acompañado de unidades didácticas con actividades deseñadas para diferentes idades.

'Entre viñas e viños no Val do Rosal’ recolle a historia do viño e as características...
Comentarios