lunes. 15.07.2024

Un total de 8.595 persoas están convocadas esta fin de semana nas sedes da Coruña e de Vigo aos procesos selectivos da oferta pública de emprego (OPE) para os subgrupos A2, C1 e C2 da Administración Xeral do Estado e estabilización de emprego temporal. As probas distribuiranse entre a xornada do sábado, en horario de mañá e tarde, e a do domingo, en horario de mañá.

A Delegación do Goberno en Galicia colabora co Ministerio de Facenda e Función Pública na organización e desenvolvemento destes procesos na Comunidade. Para iso, mobiliza un total de 535 persoas, empregadas públicas, para as tarefas de organización, loxística e vixilancia das probas. Estas desenvolveranse en instalacións das universidades da Coruña e de Vigo, nun total de 184 aulas repartidas por 7 facultades dos campus de Elviña (UDC) e Lagoas Marcosende (UVI), respectivamente.  

En total, son 12 procesos selectivos de ingreso libre, estabilización e promoción interna para o Corpo de Xestión e o Corpo de Xestión de Sistemas e Informática da Administración do Estado (subgrupo A2); para o Corpo Xeral Administrativo (C1) e para o Corpo Xeral Auxiliar da Administración do Estado (C2). 

O sábado 16 de setembro serán as probas do subgrupo A2, que concentrarán nesa xornada o exame da proba tipo test e, na mesma tarde, o exercicio de resolución dun suposto práctico.  

Pola súa banda, o domingo 17 será a quenda dos exames dos subgrupos C1 e C2, que en ambos os casos consisten nunha proba tipo test. 

Preto de 8.600 persoas concursan para obter un posto na Administración Xeral do Estado
Comentarios