viernes. 29.03.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe as liñas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e destacou que estará dotado con 191 millóns de euros entre o 2021 e o 2024. Así, tal e como destacou o presidente da Xunta, todas as obras que se executen nese período quedarán suxeitas a este plan. “A arquitectura terá, por tanto, unha orientación educativa”, abundou.

Feijóo salientou a importancia desta medida lembrando que a Xunta de Galicia é titular de 1.100 centros de ensino público (800 son escolas de infantil e primaria e 200 son institutos de secundaria) e destacou que en 275 concellos hai como mínimo un centro educativo de titularidade autonómica.

“O reto é deseñar unha nova arquitectura institucional educativa acorde coas novas metodoloxías de aprendizaxe, cos novos espazos de socialización escolar e cos obxectivos de desenvolvemento sostible 2030”, dixo, durante a rolda de prensa do Consello. E engadiu que serán centros que se van construír ou rehabilitar nun contexto de pandemia que inspira a reflexión sobre os espazos educativos.

Así mesmo, subliñou que o plan conta cunha parte académica, cunha parte relacionada co aspecto das infraestruturas e cunha parte referida á sustentabilidade. Nesta liña, e desde a perspectiva académica, Feijóo explicou que o deseño dos novos espazos educativos estará vinculado cun maior peso da función social dos centros, é dicir, cunha visión dos colexios e institutos como axentes de cambio, avance e progreso da comunidade.

Un dos obxectivos será lograr a transformación dixital avanzando cara aos centros intelixentes polo que os centros educativos contarán cun polo creativo vencellado á futura Estratexia de Ensino Dixital 2030, que actuará como espazo de creación desde unha perspectiva de competencia STEM (resolución de problemas reais, deseño, desenvolvemento de habilidades, etc).

Ademais, os colexios estarán abertos ás comunidades locais e apostarase polo deseño de espazos flexible e adaptable para permitir o traballo en grupo ou o traballo por proxectos.

Outro dos retos deste plan será, segundo explicou o presidente da Xunta, o deseño de espazos accesibles e inclusivos. Deste xeito, os espazos deberán estar adaptados para persoas con diversidade funcional, non só desde un punto de vista de accesibilidade física, senón tamén cognitiva ou sensorial.

Os novos deseños seguirán unha liña de edificación singular e integrada coa paisaxe. E contarán cunha identidade corporativa e unha sinalética homoxénea.

Ademais das características construtivas, determinaranse as cores das cubertas, fachadas, ventás ou volumetrías, entre outros, co fin de garantir unha imaxe uniforme da arquitectura educativa. “E, como novidade, introduce a aposta por espazos máis amplos, máis saudables, fáciles de hixienizar e, por suposto, con maiores estándares de confort e de ventilación”.

Feijóo tamén subliñou que se actuará no deseño de patios cubertos co obxecto de dispoñer de pistas polifuncionais para a práctica deportiva e cun uso polivalente fóra do horario escolar de forma que o centro se abra á comunidade local. E concluíu sinalando que todas as actuacións que se acometan deberán ir orientadas a reducir a demanda enerxética de calefacción e redución de consumos.
 

Plan de nova de arquitectura pedagóxica