martes. 23.04.2024

O portal Retorna Dixital estará dende hoxe, xoves, a disposición dos galegos do exterior que buscan emprego no sector das tecnoloxías, así como das empresas TIC que necesiten persoal especializado neste ámbito. Poderase acceder a este novo espazo a través do portal GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta ferramenta pretende atender as necesidades de profesionais das empresas galegas do sector TIC co talento das persoas de Galicia do exterior que retornaron ou están pensado retornar e que poderán atopar nesta iniciativa unha oportunidade para comezar unha carreira profesional na súa terra de orixe.

O portal ten como obxectivo o de atraer talento dixital cara a Galicia para contribuír a pechar a fenda entre a dispoñibilidade de habilidades e a demanda do sector tecnolóxico galego. Para elo, aglutina nun único espazo a oferta de emprego neste eido así como información sobre as empresas TIC, que estará a disposición de calquera persoa de Galicia retornada ou residente no exterior con interese en retornar.

Entre 2015 e 2020, o emprego no sector TIC en Galicia creceu un 23,3 por cento e, de seguir a evolución actual, o sector creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos cinco anos, segundo os datos do informe “Talento Dixital: Estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga). As enquisas realizadas para a elaboración deste estudo puxeron de manifesto a dificultade que existe no sector TIC para contratar persoal titulado en carreiras STEM. Case tres de cada catro empresas tecnolóxicas galegas indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren este tipo de titulacións.

Na actualidade, o portal de Galicia Retorna Dixital, ao que se pode acceder no enlace https://emigracion.xunta.gal/actividade/retorna/ofertas-de-emprego, conta xa con 21 ofertas de emprego, así como con 13 empresas adheridas e 40 na base de datos. Para participar, as empresas poden facilitar os seus datos na sección ‘Adhesións’ e posteriormente deberán aportar a información que se lle solicitará sobre traxectoria, organización, servizos, ofertas de emprego, etc.

Pode participar no programa calquera empresa do sector TIC con sede en Galicia, que se comprometerá a manter os seus datos actualizados para manter o Directorio ao día. Ademais, as empresas adheridas comunicarán os cambios relativos ás súas ofertas de emprego para ofrecer unha imaxe real dos súas necesidades de perfís dixitais en cada momento.

As persoas emigrantes poden contactar coas empresas adheridas dende o propio portal ou consultar o Directorio de Empresas sector TIC Galicia.

A iniciativa forma parte do programa Galicia Retorna, da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Conta tamén coa implicación do Clúster TIC de Galicia.

Os galegos do exterior que buscan emprego nas tecnoloxías o empresas TIC que necesiten...