viernes. 29.03.2024

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, participou hoxe nunha das visitas guiadas ao Espazo Amizar, que empezará a prestar servizos aos cidadáns xa a vindeira semana, logo dunha actuación de rehabilitación integral de “selo galego”.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado, asistiron esta mañá a unha das xornadas de portas abertas que o Goberno galego vén realizando desde a pasada fin de semana para dar a coñecer aos cidadáns estas instalacións. Tamén participaron na visita guiada o vicepresidente do Parlamento, Diego Calvo, e a decana do COAG, Elena Ampudia.

A Xunta programou novas visitas para este sábado e este domingo dada a boa acollida que tivo a iniciativa, pois foron 1.000 as persoas que se achegaron ao edificio para coñecelo nas visitas organizadas a pasada fin de semana.

A xornada de portas abertas terá lugar hoxe e mañá en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. O acceso ás visitas é libre e os interesados deben presentarse na entrada principal uns minutos antes de cada recorrido. Durante a visita respectaranse todas as medidas de prevención sanitarias.

Nestas xornadas, os asistentes teñen a oportunidade de coñecer os detalles da reforma da antiga delegación de Sanidade de Gregorio Hernández, reconvertida agora en edificio administrativo.

O pasado 10 de xaneiro comezou o proceso de traslado dos 280 empregados públicos das consellerías de Emprego e Igualdade e de Política Social ás novas dependencias, polo que na vindeira semana xa se comezará a prestar servizos aos cidadáns nestas novas dependencias administrativas.

ESPAZO ADMINISTRATIVO SINGULAR

A actuación de rehabilitación integral levada a cabo no edificio é unha obra singular desde o punto de vista arquitectónico, con deseño e construción de selo galego, que supuxo un investimento autonómico de 7 millóns de euros.

O Espazo Amizar componse de dous edificios, vangardistas e modernos: un con forma de prisma, de 5 alturas, e outro con forma ovalada, de 4 andares, que ocupa o interior da parcela. Están conectados nos diferentes niveis e cun patio interior moi luminoso.

Con esta rehabilitación, dótase a cidade dun espazo administrativo de arredor de 6.000 m² para acoller a oficina de emprego, oficinas administrativas da Xunta e locais para organizacións sanitarias e sociais sen ánimo de lucro, reservándose 12 locais para este fin.

O edificio administrativo mellorará a prestación dos servizos aos cidadáns, ofrecerá máis confort e comodidade aos traballadores e permitirá un aforro de 750.000 euro ao ano en alugueiros, ademais de contribuír a facer cidade.

Ethel Vázquez detallou que a rehabilitación se fixo con mimo, coidando os detalles e empregando materiais de proximidade, como o granito do país para os solos, ou o castaño galego, empregado nas paredes interiores e na tarima da sala de usos múltiples. Unha rehabilitación, incidiu, “de selo galego”, cun arquitecto galego, empresas galegas e materiais galegos.

Novo Espazo Amizar, na Coruña