).- As Delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia organizan conxuntamente unha nova edición “Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2020”. A presentación das bases desta nova convocatoria do certame, que se celebrou hoxe na Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, contou coa presenza do presidente da entidade colexial, Manuel Martínez Carazo, e os presidentes das delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva Peón e Rafael Castro Armesto.
Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao labor “conxunto e tan necesario” de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade –arquitectos, promotores, construtores e demais axentes participantes–. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.
Nesta edición, a Delegación de Vigo é a responsable da organización da convocatoria. O criterio de selección será establecido polo xurado, que poderá valorar a totalidade do proxecto ou, unicamente, un determinado aspecto da obra que aporte un carácter singular ou de valor: tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio, entre outros aspectos.
O xurado estará composto polos presidentes das tres delegacións, un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, un colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios “Gran de Area” da edición anterior –consensuado polas delegacións–, e o secretario da delegación de Pontevedra que actuará con voz pero sen voto.
DIFUSIÓN
O presidente da Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Manuel Martínez Carazo, salienta que “é un orgullo presentar unha nova edición destes premios, que, sen dúbida, téñense convertido nos premios de referencia na difusión da arquitectura entre a sociedade galega. Recoñécese o traballo conxunto entre arquitectos e propietarios, particulares e públicos, para a obtención dunha obra arquitectónica de calidade”.
En palabras do presidente, estes premios reflicten “o bo facer diario dos arquitectos galegos, que pouco a pouco transforma e rexenera o territorio onde vivimos. E poñen de manifesto a confianza dos clientes neles para obter un resultado de calidade”.
Trátase de premios abertos, sen límite de categorías nin presuposto, que recoñecen o valor engadido á arquitectura que poida aportar calquera proxecto: vivendas unifamiliares, rehabilitacións, reformas de pisos, locais, edificios industriais e naves, instalacións temporais, paisaxismo…
GAÑADORES
Poderán optar aos premios todos os arquitectos colexiados, con proxectos redactados ou obras finalizadas na provincia de Pontevedra e Ourense, ata o último día de presentación válida desta edición, e que non foran presentadas en edicións anteriores do certame.
Cada arquitecto poderá presentar tantas obras como estime oportunas, cos datos relativos a promotores, construtores e aparelladores que o arquitecto considere tamén merecedores de recoñecemento. O prazo de inscrición e presentación da documentación dos proxectos remata o 17 de setembro. As propostas deberán ser achegadas pola web do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), a través da plataforma online de xestión de premios no enlace http://www.coag.es/premioscoag/candidaturas.
Os premios fallaranse no mes de outubro, e tamén neste mes celebrarase un acto de entrega de diplomas en Pontevedra para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas.
Os “Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura” nacen hai máis de 20 edicións como resultado dunha idea dos arquitectos de Visado de Vigo, que deciden escoller e valorar os proxectos que pasan polas súas mans e, debido á expectación que xeraban, ampliáronse ás delegacións de Pontevedra e Ourense. Deste xeito, trátase de poñer en valor a boa arquitectura que se fai diariamente en Galicia, ano tras ano.