viernes. 26.04.2024

Un total de 228.391 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo FSE 2014-2020. Delas, 159.709 son mulleres, o que supón o 69,93% das persoas beneficiadas. A participación sobre o exercicio anterior incrementouse un 30% (53.086 persoas máis que ata o 31 de decembro de 2020). Estas actuacións teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación, e loitar contra a pobreza e a discriminación.

Desde o inicio do período de programación, aprobáronse 176 operacións por importe de 505,89 millóns de euros en todos os eixes de actuación. No eixe 1B centrado no fomento do emprego sostible e de calidade, destaca o programa de incentivos á promoción do emprego autónomo, que permitiu crear o seu propio negocio a máis de 3.100 persoas

No eixe 2B de promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, reforzouse o apoio a entidades de iniciativa social e corporacións locais para actuacións de inclusión social, así como as actividades para a inserción sociolaboral de xoves tutelados (Programa Mentor). Destacan tamén o plan especial de reforzo de persoal técnico para a valoración da dependencia e as cinco sedes da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno.

No referido ao investimento para conseguir unha educación de calidade (eixe 3B), seguiron desenvolvéndose no curso 2020-2021 programas como o de mellora da aprendizaxe e do rendemento (PMAR) en 82 centros educativos, os ciclos medios de Formación Profesional con máis de 2.880 persoas formadas en 2021, as axudas de apoio á etapa predoutoral nas universidades galegas ou o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral de 958 persoas o pasado exercicio.

En 2021 incorporáronse ao Programa Operativo os recursos REACT-UE da anualidade 2021 nun cuarto eixe específico, como parte da resposta da Unión Europea á Covid-19, o que permitiu seleccionar operacións centradas en paliar os efectos da pandemia e, en particular, garantir -con diversas liñas de axudas- o mantemento da actividade e do emprego, beneficiando a máis de 4.300 microempresas e a 15.213 persoas traballadoras autónomas. Tamén se puxeron en marcha liñas de axudas para o emprendemento feminino e o fomento da conciliación familiar.

COMITÉ SEGUIMENTO

O informe anual de execución 2021 que recolle estes datos, presentouse no Comité de seguimento do Programa Operativo FSE 2014-2020 correspondente ao pasado exercicio, que se celebrou recentemente de xeito telemático.

Por parte da Xunta de Galicia presidiu a reunión, o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó; e contou con representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Participaron igualmente representantes dos organismos xestores das actuacións na Xunta de Galicia e das principais organizacións económicas, sociais e do terceiro sector.

Fondo Social Europeo 2014-2020, miles de beneficiarios
Comentarios