viernes. 19.04.2024

A tartaruga mariña rescatada o 30 de abril nas inmediacións da Illa de Ons foi devolta ao mar despois de finalizar o proceso de recuperación nas instalacións da Coordinadora para o Estudo de Mamíferos Mariños (Cemma) que colabora coa Xunta no tratamento e liberación dos animais que recalan nas costas galegas. O exemplar, pertencente á especie caretta caretta, embarcou a pasada fin de semana no Chasula, a unhas 10 millas da localización onde foi atopada, para facilitarlle o regreso ao seu hábitat natural.

‘Comanchita’, bautizada así polo pesqueiro que a recolleu, trátase dunha tartaruga mariña común de 33 centímetros de lonxitude e dous quilogramos de peso. Foi achada pola embarcación cando aboiaba en Portonovo crendo que estaba sen vida pero, despois de ser trasladada á UCI da Cemma en Nigrán e manterse baixo observación ata finais de maio, determinouse que gozaba dun bo estado de saúde xeral. Por esta razón, hai uns días outorgóuselle unha alta clínica que a considera plenamente apta para sobrevivir na natureza.

Trala súa marcaxe cun microchip, ‘Comanchita’ foi liberada no porto de Cambados.
Trala súa marcaxe cun microchip, ‘Comanchita’ foi liberada no porto de Cambados.

O exemplar defecou restos de plástico as primeiras semanas despois de ser rescatado. Non obstante, o seu sistema dixestivo evolucionou favorablemente ata acadar o bo estado xeral que posúe actualmente e que permite a súa devolución ao mar.

CONVENIOS

Cómpre resaltar que o espazo da Cemma no que ‘Comanchita’ e outras especies mariñas que recalan nas costas galegas son auxiliadas presta estes servizos grazas aos convenios de colaboración que dende o ano 2003 mantén esta entidade coa Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Da mesma maneira, é importante lembrar que a Cemma é a única organización autorizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Natural para xestionar a Rede de varamentos de Galicia, e que a súa actividade estase a desenvolver de maneira particularmente intensa nun ano caracterizado pola forte presenza de tartarugas mariñas no litoral galego

‘Comanchita’ forma parte dos máis de 120 exemplares detectados vivos nas nosas praias ao longo dos últimos 20 anos. Delas, 10 pertencen á especie dermochelys coriacea–coñecidas como ‘de coiro’-, de ata dous metros de lonxitude e 400 quilogramos de peso. O resto son tartarugas mariñas comúns como a liberada esta fin de semana, que adoitan aparecer atrapadas en aparellos de pesca e, despois de ser tratadas axeitadamente pola Cemma, son devoltas ao mar, como sucedeu na maior parte dos casos.

'Comanchita' regresa ao mar
Comentarios