A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá o vindeiro mércores, 1 de setembro, unha cata de iniciación de viños da Ribeira Sacra. Será na sede do consello regulador desta denominación de orixe, en horario de 17.30 a 21.30 horas.
O obxectivo principal deste curso é proporcionar coñecementos básicos de enoloxía e viticultura aos asistentes, ademais de ensinarlles as habilidades básicas da cata de viños para que saiban distinguir os atributos positivos dos negativos e ter un vocabulario acorde a este tipo de prácticas.
Así, o programa recolle unha parte teórica centrada nas peculiaridades das subzonas da Ribeira Sacra, pasando polas distintas tipoloxías de viño, a súa maduración e mesmo o seu etiquetado. Seguidamente, combinarase unha parte práctico-teórica sobre as distintas fases que compoñen unha cata, centradas nas parte visual, olfativa e gustativa.
Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a correspondente solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico de [email protected]. Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.